Exotismo labriego en Guiriland Compostela



Veño de pasarme pola tractorada asumindo sentimentos fondamente encontrados. Por unha parte, contento pola participación nun encontro que dura xa varios días. Por outra banda, confuso pola actividade desta nova organización, Ganaderos Unidos, coido que xurdida dunha necesidade real de prescindir dos sindicatos agrarios, necesidade case que compartida, perdidos entre a dependencia política e a desmembración. Mais tamén, decepcionado ao asistir, unha vez máis, á perda de norde duns labregos que, afincados erroenamente no apolitismo, sentencian consignas nun idioma foráneo, sen saber ben a quen apuntar, ou apuntando en direccións opostas dependendo das influencias do promotor da consigna. Deste xeito, volven incidir naquela campaña do PP de considerar as explotacións agrarias como empresas suxeitas ás leises do libre mercado. Polo tanto, en imperfecto castellano, liamos pancartas contra a capitalización das explotacións, concretamente de empresas agrarias. Se analizamos o que significa a postura de descapitalizar as explotación, veremos que incidimos na redución, iso si, das amortizacións por inmobilizado, pero recuncamos na xa excesiva dependencia dos insumos externos, caendo no xa coñecido concepto de gandeiros sen terra. Graficamente, a dependencia de insumos externos, en detrimendo das producións propias, deixa ás explotación á mercede dos prezos de mercado dos inputs. Polo tanto, nunha situación xa coñecida e recente de subida do prezo do carburante, que provocou que, en pouco máis dun mes, os prezos da alimentación animal subisen en torno a un 40%, aquelas explotacións que contaban con alimentación de produción interna puideron reducir a cantidade daquel alimento alleo en favor do propio, polo tanto notaron en menor medida a carestía. Mentres que que aqueloutras que dependían por enteiro da alimentación comprada, pagaron prezos abusivos pola alimentación do gando, sen maneira de escapar á crise do petróleo.
Eis, polo tanto, un exemplo do condicionante que supón a descapitalización da explotación. É ben certo que as explotacións gandeiran non funcionan ben con fórmulas neoliberais.
Antes que a completa descapitalización, cómpre incidir na racionalización dos recursos propios.

Comentários