andas á procura?

Búsqueda personalizada

segunda-feira, junho 29, 2009

Grupos de presión

Sempre dou en lembrar os tempos de Fraga, nos que se identificaba a todo nacionalismo, fóra por suposto do español, co terrorismo. Para soportar aquela tese, ademais da presenza constante nos medios dese argumento, dentro do Estado comezou a gañar protagonismo aquela utilización sensacionalista das asociacións de vítimas do terrorismo, que solicitaban, sen ningún pudor, auténticas barbaridades antidemocráticas amparándose no seu hipervisto sufrimento. Da súa conformación como auténtico grupo de presión, chegouse a ilegalizar toda forma de expresión que puxese en cuestión a estrutura do Estado.
A utilización destas organizacións non era casual, porque axudaba a materializar os desexos dun goberno nacionalista español que, por demócrata, non podía asumir determinados discursos fortemente radicalizados, pero que sucumbía fronte a unha suposta presión social.

Esa suposta creación de debate social, protagonizado por esas organizacións pantasma que existen só para servir de soporte á postura reaccionaria do goberno, na Galiza actualmente do señor Feijoó, e neutralizar as argumentacións da esquerda, que fican nun segundo plano supostamente en nome da tolerancia e a liberdade, non é máis que unha ferramenta minuciosamente orquestada dende a dereita, para confundir a unha poboación allea a todo debate e que se ve integrada nel, asumindo un papel importante e decantándose pola postura máis ruidosa, sinxelamente porque a reacción da ultradereita, en nome do sentido común, involúcraa e asúmea coa altisonancia da súa verborrea.

quinta-feira, junho 18, 2009

Exotismo labriego en Guiriland Compostela



Veño de pasarme pola tractorada asumindo sentimentos fondamente encontrados. Por unha parte, contento pola participación nun encontro que dura xa varios días. Por outra banda, confuso pola actividade desta nova organización, Ganaderos Unidos, coido que xurdida dunha necesidade real de prescindir dos sindicatos agrarios, necesidade case que compartida, perdidos entre a dependencia política e a desmembración. Mais tamén, decepcionado ao asistir, unha vez máis, á perda de norde duns labregos que, afincados erroenamente no apolitismo, sentencian consignas nun idioma foráneo, sen saber ben a quen apuntar, ou apuntando en direccións opostas dependendo das influencias do promotor da consigna. Deste xeito, volven incidir naquela campaña do PP de considerar as explotacións agrarias como empresas suxeitas ás leises do libre mercado. Polo tanto, en imperfecto castellano, liamos pancartas contra a capitalización das explotacións, concretamente de empresas agrarias. Se analizamos o que significa a postura de descapitalizar as explotación, veremos que incidimos na redución, iso si, das amortizacións por inmobilizado, pero recuncamos na xa excesiva dependencia dos insumos externos, caendo no xa coñecido concepto de gandeiros sen terra. Graficamente, a dependencia de insumos externos, en detrimendo das producións propias, deixa ás explotación á mercede dos prezos de mercado dos inputs. Polo tanto, nunha situación xa coñecida e recente de subida do prezo do carburante, que provocou que, en pouco máis dun mes, os prezos da alimentación animal subisen en torno a un 40%, aquelas explotacións que contaban con alimentación de produción interna puideron reducir a cantidade daquel alimento alleo en favor do propio, polo tanto notaron en menor medida a carestía. Mentres que que aqueloutras que dependían por enteiro da alimentación comprada, pagaron prezos abusivos pola alimentación do gando, sen maneira de escapar á crise do petróleo.
Eis, polo tanto, un exemplo do condicionante que supón a descapitalización da explotación. É ben certo que as explotacións gandeiran non funcionan ben con fórmulas neoliberais.
Antes que a completa descapitalización, cómpre incidir na racionalización dos recursos propios.

quarta-feira, junho 17, 2009

a lingua como arma











Para estes tempos de guerra sucia, nos que todo vale para fomentar a discordia, a división máis visceral, nos que a lingua serve, á dereita españolista, como arma para dividir a todo un pobo, cómpre salientar a importancia deste noso recurso, dereito, medio, fin, a lingua galega. Achego un texto que escribín hai tempo,
Por unha palabra tan só. Poema para @s máis nen@s.

segunda-feira, junho 15, 2009

domingo, junho 14, 2009

Obsequio de Marguerite Duras




























As feiras de libros
antigos e de ocasión, entre o esoterismo e a cociña fácil gardan unha chea de sorpresas, non sempre en forma de libro. Hoxe, mentres saía na procura da abnegación, parei na feira do libro antigo situada na alameda e comprei un par de volumes, unha novela de Samuel Beckett e un libriño de Maguerite Duras. No interior deste último atopei dúas xoias dos anos 70. Un vale obsequio de quince pesetas de Jabón Nelia e un papelorio de recollida dun vehículo nun taller. Compriría indagar máis sobre o tema, se cadra dá para algunha historia.

abnegación


volvendo sobre un fragmento dun texto de Xabier Cordal, no que falaba da abnegada marciscadora, e traballando nun novo proxecto, saín á rúa, cargado coa cámara, como xa había tempo que non facía, na procura da abnegación. A abnegación como a negación dun mesmo en favor dos outros.
Como imaxe fetiche, ligada a certa musa protagonista da miña historia en verso, buscaba a imaxe dunha muller, posiblemente coa mácula da vida mostrada na pel (aínda que sone redundante). Finalmente, despois de moita mácula pero pouca abnegación, cando menos evidente, conseguín unha foto, mais que servirá para outra cousa, se é que serve.

quarta-feira, junho 10, 2009

domingo, junho 07, 2009

o subconsciente

É dende a adolescencia que lembro a sensación de presión que no abdome produce a acumulación de cervexa, a piques de estourar a vexiga. Eses momentos nos que un anda á procura dun lugar no que depositar tan molesta carga, camiñando coas pernas cruzadas e parcialmente inclinado cara adiante. Agradécense aqueles bares ou pubs que dispoñen dun lugar limpo e perfumado no que evacuar o fluído elemento. É xustamente o cheiro a ambientador, despois de anos frecuentando os mesmos lugares, o que un acaba relacionando cunha actividade concreta. Xa non a cor da plaqueta, ou a marca ou forma do urinario, senón o cheiro penetrante que permanece na pituitaria, unha vez que se abandona a casa de baño. É tanta a acción do subconsciente que, como cos cans de Paulov, un comeza a accionar o sistema nervioso central, tranquilizando os músculos e relaxiando os esfínteres unha volta que recoñece o cheiro do ambientador, independentemente da acción que estea a realizar nese momento.
Iso foi o que me aconteceu onte, antes da presentación da Crise no Gomes Gaioso. Case como nun ritual, achegueime ao pub irlandés que visito as veces que vou á Coruña, e dirixinme ao baño, co fin de desprenderme da carga que traía xa dende a saída da autoestrada. Non se pode dicir que estivera nervioso unha hora antes do comezo do acto, mais foi tal a acción do subcosnciente, que a modo de terapia, e despois de cheirar aquel aroma tan recoñecible polo meu cerebro, apaguei a luz do baño e pechei a porta tras de min cun sorriso inmenso nos beizos. Cunha expresión tal, que semellaba de artificio. Coido que xa sei a razón pola que vou sempre a ese lugar.

sexta-feira, junho 05, 2009

quarta-feira, junho 03, 2009

primeira dose de reacción

España está de enhorabuena, Fei-jo dá os primeiros bandazos regresivos como este, este ou este. Os bífidos van poder chamarse dende agora Bífidos Activos, coa inxección de cartos que van recibir do goberno... galego?
Un novo apartheid para os galegos e galegas.

terça-feira, junho 02, 2009

a crise no Gomes Gaioso


Arquivo do blog