Postura Valentino Rossi

Recoñezo que sempre considerei os retrasos dos avións unha perda de tempo. Mais hai sempre quen saca proveito a estes avatares dun xeito, cando menos en apariencia, produtivo. No caso da imaxe, executivo en postura Valentino Rossi (que para quen non siga o motociclismo, é un piloto de moto GP), confiando o seu lombo en voladizo á forza de compresión soportada polos seus cóbados, que inciden sobre os muslos, firmemente ancorados nas pernas fixadas ao chan. Neste caso, servíu para que eu liberase a tensión de algo máis dunha hora de espera, inventando toda unha historia ao redor da figura deste individuo.
Con todo, non puiden sacar da cabeza, argumentacións que se escoitan camiñando pola rúa, de xente que fala principalmente por non estar calada, e que facían referencia a 'la imposición del gallego'. A tensión que se chega a acumular escoitando as conversas da xente pola rúa é inmensa. Neste caso, debo dicir, brevemente e para que non se me avinagre o estómago, que non me importa o idioma que fale o común dos mortais, malia que preferiría que se asumise o galego dun xeito normal, pero o que si é un dereito dos/as que vivimos en Galiza, e un dereito básico, é o de poder dirixirnos e que se dirixan a nós na nosa lingua nai, en calquera espazo da administración pública, así como que todos os comunidados, que se elaboren dende as distintas administracións, estean redixidos en galego. Esté é un dos dereitos irrenunciables, aos que debemos aspirar como galegos e galegas.

Comentários