esperta do teu sono fogar de Breogán

Volvo sobre os meus pasos, mais só sobre aqueles que decidira non dar en solitario, para descubrirme vítima da inocencia máis cruel. Inocencia da que eu só son culpable. Por un momento, crin poder superar o pragmatismo que domina o cotiá da nosas existencias, en favor dun sentimento fóra de calquera catalogación banal. Crin poder superar as imposicións sociais, os criterios parciais e tendenciosos cos que xogamos a sobrevivir, crinme lonxe de prexuizos e doutras opinións mundanas. Mais, nestes meses, caín na conta de que todas esas cuestións que, na miña inocencia, buscara afastar da miña realidade persoal, son certamente importantes para o común dos mortais.
Sabéndome tremendamente inxusto, irei aos poucos recuperando a miña vida, desta vez si en solitario, para centrarme nos verdadeiros problemas do meu entorno máis inmediato, que, evidentemente, non pasan por gripe ningunha, como pretenden facernos crer os media. Problemas reais, obxectivos, pois fun xa o bastante egoista para crerme por riba das concepcións, tamén tremendamente obxectivas, que neste caso din que, por unha vez e sen que sirva de precedente, renunciar é a mellor saída. Egoista por tentar, en ocasións inconscientemente, arrastrar comigo e cara a miña visión do mundo, a quen cría e vivía inmersa noutra realidade diferente.
Renuncio, xa que logo, moi ao meu pesar, pois, con todo, os fins eran honestos, sincero o sentimento e inquebrantable a vontade (sen dubidar de que en todo momento existíu reciprocidade tanto nos fins, como no sentimento e na vontade). Mais non podo, nin poderei nunca, ser dono de nada nin de ninguén, pois, por unha banda, a propiedade privada acaba sempre por dominarnos e, pola outra, sigo crendo firmemente nas relacións de igualdade, sen imposicións nin normas que mingüen a capacidade de decisión dos individuos. Decidiron por min, mais tamén para min, e valoro e respecto esa decisión.
Agora, aos poucos, esperto, fogar de Breogan, dun sono do que arestora toca renunciar, mais nunca prescindindo do vivido, pois foi fermoso como non sería quen de describir. Mais sempre un sono do que cómpre espertar.

Comentários