andas á procura?

Búsqueda personalizada

terça-feira, março 31, 2009

Ouveo

Este xoves, día dous de abril ás 20:30 horas, inaugurarase, no centro sociocultural de Sigüeiro, a exposición que ADEGA dedica ao lobo. Acto no que humildemente participarei cun ouveo de produción propia:

gañado teño o pan

non pregarei

xa que logo

por cada vítima necesaria


non son máis que un figurante

na escena deste país de anos


agora

apreixo con ambas mans a ferida

na última das loitas diarias

coa derradeira arma

esgrimida na miña defensa

agonizando entre os dentes


sexta-feira, março 27, 2009

outro texto d'A crise

Outro texto recollido d'A Crise Irredutible:

chego ao paroxismo
na miña renuncia á clase

recalcitrante

máis burgués que a propia burguesía
menos fillo de labrego
que o máis asfáltico urbanita
máis bilingüe que a dereita democrática

a miña vida é unha eterna
concesión obreira

quarta-feira, março 25, 2009

de ser alguén sería, indefectiblemente, outro




sen máis que comezar co Murakami, comecei a darlle voltas ao seu xeito sinxelo e paciente de contar as cousas. É certo que se trata do primeiro libro que leo deste autor, mais alén do que di, resúltame interesante como o di.

Unha das cousas nas que rematei pensado, despois da lectura, e sen saber ben se tiña relación ou non co lido, foi que afortunadamente para min, xa non para o meu ego, son un ninguén, xa que, doutro xeito, pasaría a ser outro.
Finalmente concluín que, alén do gusto pola escrita, comparto outras cousas con este Murakami. Os Lovin' Spoonful, entre outros, malia que a el lle agraden os Red Hot Chili Peepers, grupo que me aburre especialmente, salvando se cadra algunha canción do Californiacation. E tamén o gusto por certos aspectos da soidade. Eses aspectos máis reconfortantes, o silencio, a quietude... Mais, recoñecendo en min a sociabilidade, case preceptiva, dun individuo político e, consecuentemente, social, gañada tamén cos anos, sinto unha fervente necesidade de compaña. Máis nestes días, nos que a soidade lévame a reflexións das que, se cadra, de estar acompañado prescindiría. O que case sería mellor.

Neurona flotante

Esta tarde, despois dun par de días de algo semellante ao insomnio, teño o día da neurona flotante. Se cadra tamén polos leves síntomas de gripe, entre cuxos efectos, ademais daqueloutros máis típicos, atópase o de escoitar unha e outra vez isto:


Mediocre

segunda-feira, março 23, 2009

Tal vez foder, minetes en lingua portuguesa

Recollo do Pedro Abrunhosa e Bandemonio un título que me remonta ao ano 1995, se non erro. Aquel ano no que Lupe Gómez sacaba do prelo o seu Pornografía, e comezaba unha revolución poética dende a autoedición. A Galiza, por aquel entón, chegaba unha campaña, vida de Portugal, que achegaba o termo foder ao acerbo común de comunicación. Tal vez foder... repetíase en todo tipo de merchandaising. Na Galiza foder é unha palabra de uso común, sempre vulgar, que abrangue moito máis do que unha acepción meramente sexual, polo que, dende o comezo, a campaña resultou un chisco desfasada da beira para aquí da raia (sempre imaxinaria), mais nunca exenta de certo encanto.

En todo isto pensaba ao ler a participación de Poma Fidiró para o Filo-Café de Boiro, Medo á liberdade. Repito mil veces este título, cada vez que volvo sobre as súas liñas. Podería dicir moito sobre as miñas impresións acerca de E. Fromm, mais desexo só centrarme en dous conceptos que ela obvia, coido pensar que premeditadamente, como son o de alienación e negación do coñecemento, ambas os dous, para min, moi relacionadas coa relixión cristiá, en particular. A proxección do ideal humano a un ser supremo, segundo Feuerbag, chega a negar todo o coñecemento, non porque este non exista, senón porque debe fundamentar a crenza no sempre inexplicable. En canto ao coñecemento do ben e do mal, cómpre situarse con Nietzsche para recoñecer que eses conceptos deben estar absolutamente superados.

O dominio e a submisión como ben describe o propio Fromm, son irmás dun mesmo sentimento de pertenza, de necesidade de pertenza a un grupo, que se resolve de xeito antagónico. A liberdade, alén do propio medo individual, convértese en obxecto de desexo, malia que a súa materialización non fose xamais conseguida.

Polo demais, en canto á compoñente química do orgasmo, igual que a de moitos sentimentos de pracer, ten que ver cunha substancia segregada polo cerebro, a dopamina. Iso é coñecemento humano, aquel que nos fará libres. Dese coñecemento forma parte, tamén, a realización de lentas e sensuais minetes en lingua galega, do que me confeso un seguidor fiel, con tendencia á adicción. Mais tamén porque son galego, sempre unha cuestión de localismo. Mais nunca desdeñaría a oportunidade de aprendelas noutras linguas. Neste campo confeso ser un bo alumno, incluso mellor alumno que amante. Mais agardando cambiar esa situación, sempre co tempo.

domingo, março 22, 2009

Azúcar Glass


Chégame ao correo unha información importante. Despois daquel Subir ao faiado que publicara Edicións Positivas no 2004, Alfonso Rodríguez saca á luz, xunto coa editora Duen De Bux, un novo libro de poemas, Azucar Glass. Parabéns para o Alfonso.

quarta-feira, março 18, 2009

meglio non è abortire che essere sterili

sobre un texto de Samuel Beckett volvo sobre 'A crise irredutible'. Daquela edición comprada en Perugia, trilingüe francés-inglés-italiano, producida por Einaudi, de poesías completas.
Acaso non é mellor abortar que ser estéril? ter a oportunidade de errar para volver ao comezo e intentalo novamente. Esta é a miña motivación para sacar un novo libro. A partir de aí, mostrar tres formas diversas que definan unha evolución, a traxectoria dun agora que non quixo saír, mais que se revela como tendencia, a perda de referentes, o camiño cara a non ideoloxía.

terrified again
of not loving
of loving and not you
of being loved and not by you
of knowing not knowing pretending
pretending

Coido ter cuspido un texto polo que non ser amado por todos/as, mais agora non teño medo á liberdade da escrita.

I and all the others that will love you
if they love you

Unless they love you

O medo pasou a un segundo plano. Se non son amado, saberei autocomplacerme co sensual gusto pola realidade subxectiva.

segunda-feira, março 16, 2009

a crise irredutible
















Dándolle voltas a todo, coma sempre, decidín volver sobre os meus pasos, mil veces vistos, reafirmados mil veces máis. Caendo tamén, se cadra, sobre os mesmos erros, saco á luz A crise irredutible, un novo libro de poemas.
Até o momento é a rede o seu acubillo, mais agardo que a medio prazo se poda atopar en todas as librerías do país. Debo agardar polo financiamento.
Déixovos con esta nova achega para comezar polo final. Agardo que sexa do voso agrado.

quinta-feira, março 12, 2009

Que ninguén tire unha pedra aínda que diga Jehová

hoxe no traballo fun altamente cuestionado por unha das miñas alumnas. Tendo en conta a hora que era, considerei que se podería tratar de como estabamos realizando o traballo, mais non quería cuestionar a miña formación, nin a miña persoa. Por suposto, non tiña nada que ver coa miña profesionalidade. Era unha cuestión de moral, cristiá, por suposto. Segundo parece a miña ausencia dela podía inducir a pensar algo errado sobre a miña persoa. É dicir, non se estaba a xulgar un feito, estabase a xulgar o que a miña conduta podía inducir a pensar. Ou sexa, que, co meu desleixado habitual, non me podo parar diante dun escaparate a altas horas da madrugada, porque pode inducir a pensar que son un delincuente estudando un golpe.
Podedes imaxinar a miña estupefacción. Inmediatamente me veu á cabeza a seguinte reflexión, que non emitín por razóns obvias: Dismo ti, que cres cegamente nunha virxe, que non só non era virxe, senón que ademais era adúltera. (Un saúdo para as adulteras e os adúlteros, menos efusivo, claro está, para os e as virxes!)
Ben, eu non estou pedindo unha estatua para que me saquen en procesión os do KKK e me enganchen billetes de cen na roupa. Certo que non son ningunha virxe, polo que pedín só un pouco de respecto pola intimidade dos demais, e tras case unha hora de discusión, deixei o falado por concluído e marchei comer.

quarta-feira, março 11, 2009

Nocturno de Chile

Ás veces crúzome con labregos que falan noutra lingua. Detéñoos. Pregúntolles cousas do campo. Eles dinme que non traballan no campo. Dinme que son obreiros, de Santiago ou das aforas de Santiago, e que nunca traballaron no campo. Ten isto solución?
Roberto Bolaño. Nocturno de Chile

Finalmente fun quen de rematar este magnífico libro de Roberto Bolaño, con erros case que intolerables de edición, mais superados con vontade de ler, de entender o texto, de trasladalo a este máis próximo país, no que a dereita política é sinónimo de renuncia sistemática, de presión destinada á renuncia, de cápsula do esquecemento para a renuncia, de renuncia como mercado, e de esquerda (tamén política) que renuncia por medo (que é como dicir posibilismo).
Hoxe teño rabia contida, porque non fago máis que caer no mal de facerme mal a min mesmo. Recoñecín certa experiencia en facerme mal, como naquel manual de autolesión que tanto me gustaba nos libros de Suso de Toro. Acabei facendo unha broma, a quen buscaba cabrearme con cuestións de lingua, dicindo que eu, ao contrario que Aznar que falaba catalán na intimidade, falo español na miña máis íntima intimidade.
E a dor volve, sempre recurrente, sobre as decisións que tomo a diario, mais que imposible me resultaría renunciar a elas. Con todo, son feble, e busco alternativas incluso para aquelas máis meditadas. Mañá volverei a mostrarme firme, incluso cando pense que podo estar errado.

terça-feira, março 10, 2009

non voglio morire vergine


Teatro, danza e audiovisual mestúranse no novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego. Compoñentes que se entrelazan para falarnos de que a morte non pode ser límite estéril. A non conformidade cun destino que limita a creatividade.
Na que pode converterse na última creación do CCG, vistos os resultados destas últimas eleccións, demóstrase unha evolución en positivo da complexidade das obras que este Centro representa, cunha carga de matices que fan desta última peza unha ferramenta inicial para a mestura de eidos artísticos arestora separados.
Parabéns, xa que logo, ao CCG, e que non sexa esta a súa última tempada.

sábado, março 07, 2009

Oito horas

Durante case oito horas ao día, xestiono a vida de nove persoas. Persoas que agardan por min para que lles diga cal vai ser a orde do día. Rara vez saben con antelación que é o que lles depara o futuro. En contadas ocasións estarían dispostas a decidir por si mesmas, nesas oito horas de vida que me outorgan, o destino que deberían procurar os seus pasos.
Para sentirme un chisco máis próximo, todas as mañáns presentolles as tarefas do día cun que vos parece se... e prosigo solicitando voluntarias para cada un dos traballos a realizar. É tan só unha, se cadra dúas persoas, a que se adianta para recoller a ferramenta e comezar a encomenda, o resto, agardan a que o seu nome sexa relacionado cun lugar, cun apeiro e cun intervalo de tempo que limite o seu traballo.
As cousas evolúen ao longo da mañá, as tarefas cambian, momento que aproveito para solicitar novamente a vontade particular de cada unha das persoas que me acompañan. Con detemento, reparo nos seus rostros que evitan mirarme até que teño decidido quen vai facer o que e en que intervalo de tempo.
Hai momentos nos que insisto en buscar voluntarias para determinadas tarefas e, incómodas, contestan que son eu quen debe decidir. Son as miñas oito horas de vidas, en plural. Son as oito horas nas que me traslado de corpo en corpo, tomando as decisións que elas non desexan tomar. Nesas oito horas son tanto elas coma min mesmo. Non entenden que as ordes que executan, son aquelas que me impoño a min mesmo cada mañá.
Por fortuna, non son un patrón, un xefe. Non busco decidir quen fica e quen marcha. Por fortuna, son quen se molla cando chove sobre todos os corpos, o que limpa o sangue dos beizos feridos polo frío, o que pousa a man sobre o ombreiro de quen chora.
Sempre hai quen non quere comprender que cando falo da miña xente, falo de min mesmo. Falo da dor que a historia imprimíu sobre os corpos todos que deron en expulsarnos a nós, en distintas idades. Hai sempre quen non entende que os males infrixidos son comúns e penden, como espada de Damocles, sobre nós todos e todas.
Con isto, só me reafirmo na miña presenza como figurante nun todo inabranguible polas miñas mans. Un todo que aperto cada mañá, nun abrazo que daría con gusto a todas e cada unha das persoas que agardan por min, o dono das súas oito horas diarias que me ofrecen.

sexta-feira, março 06, 2009

A crise irredutible

Tal e como están a acontecer as cousas, a crise resulta verdadeiramente irredutible. Con este título, A crise irredutible, veño de rematar de darlle as últimas voltas a un novo libro de poemas. Libro do que adianto este texto:

pertenzo ás fronteiras do medo
á crise eterna
irredutible


pertenzo e pertencemos
nós
a un país sen estela propia
cincento
e inseguro
aplacado polo desexo asumido
de ser como a xente

quarta-feira, março 04, 2009

Medo á liberdade




http://incomunidade.blogspot.com/

Inscrições Abertas:
Para a sua inscrição indique nome, lugar de proveniência e área de emissão, através de incomunidade@gmail.com ou: (00351)965817337. As inscrições estarão abertas até ao dia 05 de Abril (podendo ser fechadas antes, caso o nº de inscritos o justifique)
Áreas de Emissão: Pensamento, Fotografia, Música, Performance, Poesia, Pequenas-Comunicações, Teatro, Artesanato, Filosofia, Semiótica, Pintura, Escultura.

Um Filo-Café é, no essencial, um espaço público de trocas. Real. Com pessoas vivas, para lá do virtual. A partir de um tema, há uma pequena comunicação (não superior a 10 minutos) que serve para estimular a emissão do pensamento aberta a todos os presentes. No meio das trocas de pensamento surgem emissões artísticas: pequenas performances, música, poesia, etc. Isto é: a conversa é espontânea, a emissão artística é "preparada" antecipadamente. No espaço onde se realiza o filo-café há também lugar para a exposição de fotografia, pintura, escultura, instalação. É efémero. Começa às 21h30 e costuma acabar às 24h A participação na conversa é absolutamente livre. As inscrições, livres, destinam-se às pessoas que querem apresentar algum trabalho artístico.

segunda-feira, março 02, 2009

anegado

Vou cheo de falar das eleccións neste luns accidentado. O condutor da pa no meu traballo virou a máquina rodas para arriba, e iso pareceume moito máis importante que o fracaso da socialdemocracia galega. Afortunadamente todo quedou nun accidente sen consecuencias para Carlos, o condutor. Ben por el, auténtico profesional. Á volta do traballo, fiquei parado na estrada por culpa dun outro accidente, desta volta de tráfico, in itinere dada a hora. Polo que, xunto coa decepción de onte e os centos de comentarios recibidos e escoitados, case que prefiro abandonarme ao descanso momentáneo, despois dun día duro.
Déixovos, con todo, cunha reflexión moi interesante:

Koroshiya Itchy-.A sociedade galega vem de entregar um cheque em branco ao Partido Popular. Um Partido Popular que não é qualquer Partido Popular.

Preme aquí para ler enteiro

domingo, março 01, 2009

Despois do fracaso

Á vista dos datos destas eleccións, cómpre máis que nunca reanudar o traballo, mais desta volta si, recoñecendo os erros. Debemos recapacitar sobre o labor da esquerda, máis que nunca inexistente neste país, e debemos dende xa comezar coas bases dunha formación política que represente á sociedade galega, dende o nacionalismo de esquerda, lonxe dos prexuizos asumidos ao longo dos anos, entre as persoas que conformaron o movemento de base neste país.
Dende xa, que fique a vontade de construír, dende cero se for necesario, un movemento de base que aspire a reformar a vida política deste país. Sempre fóra do nacionalismo oficialista, que perdeu non só a súa oportunidade de cambiar este país, senón que dinamitou as posibilidades de dinamización de novas estruturas, dilapidando as potencialidades do conxunto do nacionalismo. O fracaso maiúsculo do BNG é, desgraciadamente, o de todo o nacionalismo galego.
Asumo con isto, o meu erro ao crer, malia que a experiencia me dicía o contrario (despois de ler, tamén, o sentido das primeiras valoracións que aparecen na rede), que o BNG podía satisfacer as necesidades deste país, considerandoo un mal aceptable. A deriva ideolóxica, que hoxe se ve representada pola máxima decepción, representa un mal definitivamente inaceptable, do que deberemos tomar nota, co fin de que non volva acontecer.

Xustiza e salvación

Agardando os primeiros resultados destes comicios. De volta do filo-café en Porto, a tempo de exercer o meu dereito, sempre insuficiente pero positivo.
Volvo de Porto co firme convencemento, nada novidoso, de que Portugal é unha porta aberta á literatura galega, á creación en xeral. Igualmente, Galiza debería corresponder do mesmo xeito, a esa tan próxima pero aínda descoñecida terra creativa. Unha nova ocasión para certificar o éxito dunha iniciativa que fuxe dos límites impostos polas fronteiras, porpias e alleas.
Na liña de perpetuar a idea, até o infinito e máis aló, abrirase en breve o prazo para a participación no próximo Filo-café, a celebrar na vila de Boiro o 11 de abril, baixo o lema 'Medo á liberdade'. Tema que coincide co título dun libro de Erich Fromm, de onde se colleu a idea para a realización deste evento, que agarda contar cos presenza de todos e todas vós.

Arquivo do blog