De ser vaca tamén me chamaría Guenguis

Saco o título do post, da colectánea poética que mereceu unha Mención de Honra no GZCrea 2006, De ter un can chamaríalle Guenguis, para referirme á nova que achega o xornal de Luns a Venres, no día de hoxe:

Feijoo volveu facer gala do seu amplo coñecemento do mundo rural durante a visita que fixo a unha explotación gandeira de Rois, onde se atreveu co formato rolda de prensa no establo. E é que, se nas xerais se referira a unha vaca como “un animal interesante”, para xúbilo dos seus adversarios políticos onte preguntoulle ao dono da granxa por que bautizara a todas as vacas “con nome de muller”. “Porque son femias. Non lles vou chamar Xulián”, respondeu o home cos ollos como pratos. E é que os bois non dan leite, Alberto...

Semella que o birrete a Feijoo aféctalle negativamente ao proceso cognitivo, impedíndolle relacionar cada imaxe cun significado concreto. Dende logo, se as solucións do rural deste país, pasan por que Alberto Núñez Feijoo, comprenda que a importancia radical do agro galego ten nome de muller, nun sentido amplo, finiquitaremos as posibilidades dun dos principais sectores produtivos denoso, antes de que a visión rancia da ultradereita pense, positivamente, en feminino.

Comentários