emigrando da vellez


Dicía Goethe que a vellez nos volve, xa non coma nenos, senón nenos en esencia. A verdade é que moitas son as cousas que cos anos se simplifican. Reflexionando, por iso de estar en guerra, conclúo que moitas das razós que nos levan a tentar simplificar as nosas vidas en exceso, veñen dadas polas inseguridades que, por unha banda, nós mesmos creamos e pola outra, as que nos proporciona o sistema no que nos vemos inseridos. As primeiras xurden da debilidade propia da vellez, o feito de ir perdendo facultades, a incapacidade, outorgada á senectude, para proporcionar o pracer sexual que noutrora atraera a máis de un/unha, a posible perda de locuacidade, e un longo etcétera de argumentos para deixarnos vencer polo medo, tentando refuxiarnos na comodidade do tedio, dos costumes adquiridos, da rotina, da insatisfacción como norma, o medo á soidade. Vendendo ao mellor postor o noso ideario, para sucumbir e ser un pouco máis como a xente. Por outra banda, as inseguridades que nos proporciona o sistema económico neoliberal. Inseguridade laboral, económica, cidadá... O que nos achega a un certo conservadurismo, ás veces protofascista, para afastar, de mans alleas, o pouco que temos adquirido e que nos proporciona, dende o interior da caverna na que nos atopamos, a seguridade que dende o exterior se nos arrebata. Sei que non é o mellor pensamento para estas 'festas', pero é o que dou en pensar en decembro, en canto chega o frío. Se o Nadal se celebrase durante o vran, había ser infinitamente máis positivo.

Comentários