crónica dende o Culturgal

O serán de onte, foi tarde de Culturgal, no que asistín á presentación de O natural é político, de Teresa Moure. Despois dunha moi boa intervención de Pilar García Negro, chegou o momento de que Teresa nos mostrase, cun discurso de excelente ton literario, as ideas plasmadas no libro. Para min, cómpre salientar o valor demostrado por Teresa, á hora de afrontar, dun xeito claro, o seu compromiso co país, a súa visión feminista (lonxe da oficialidade) e a súa defensa polo ecoloxismo. Se ben, respecto e defendo esas mesmas bases, non podo aceptar sen certas matizacións, o referente ao que se dá en chamar o ambientalismo profundo que semella profesar a autora. Se ben é certo que moito debe cambiar, cando falamos do noso rural, no que respecta ás estratexias de produción, mais como ben di o título do ensaio, os problemas que afectan ao rural, van máis aló do estrictamente medioambiental. Despois de máis de trinta anos dun enfoque produtivista das producións, non podemos considerar que un discurso ambientalista, servirá para cambiar os procesos de produción dun día para outro. Porque falamos de cuestións económicas, falamos de investimentos dirixidos polo capital, falamos de técnicas, en moitos casos erradas, que foron asimiladas como únicas e verdadeiras, falamos de que as transformacións son paulatinas e máis lentas do que desexaríamos. E por moito que reneguemos de granxas como as dos visóns, a solta masiva destes animas non é, baixo ningún concepto, unha estratexia válida para a súa erradicación. Como tampouco é válido, por moi atractiva que nos resulte a idea, que todos os urbanitas do mundo se muden a vivir ao campo. Porque a recuperación do rural pasa por unha interacción da xente co medio. De pouco serve que decidamos mudarnos a unha casa restaurada, se somos incapaces de interaccionar co entorno, recuperando as actividades que fan do monte, por exemplo, unha fonte de recursos. Os urbanitas que residen no rural, pero que continuan a vivir, efectivamente, na cidade, no forman parte, nin por un instante, do medio no que viven. O xeito de fixar poboación neste entorno, debe pasar non por mudarnos todos e todas a el, mais si por buscar que a xente que xa reside nel, podan atopar o seu xeito de vida no rural, facendo que exista a posibilidade de vivir dignamente coas actividades agrícolas e gandeiras, propias deste medio. Para isto, por moito que nos pese, cómpre ir a modo na transformación das explotacións de intensivas e convencionais a extensivas e ecolóxicas. E por moito que incidamos no cambio, será imposible que todas as explotacións podan dar o paso.
A postura de Teresa Moure, cando menos a intuída por min no seu discurso, semella moito a das mentes preclaras en eceso teóricas, urbanitas neste caso, que carecen das claves da nosa realidade máis inmediata. A defensa da nosa identidade nacional pasa, ao meu modo de ver, polo coñecemento intenso do rural, e sabendo que os debates que para os urbanitas son claros, no rural do noso país non funcionan, nin sequera chegan. Para o rural, a interrupción dunha actividade económica, que para un urbanita forma parte da desobediencia civil (defendida pola autora) no rural, na maior parte dos casos, tranfórmase nunha simple conduta infantil.
Con todo, ben pola iniciativa de centrar a atención neste tipo de debates, tan importantes para o futuro do país.

Comentários