poesía para ver/ler no Pichel


onte vimos e lemos poesía no Pichel, Baldo Ramos, Sechu Sende e máis eu. Xosé Constenla cantou temas con letra do Avilés de Taramancos ao carón da lareira. Finalmente, Igor e Estíbaliz non puideron asistir por mor do temporal de neve, mais o anfitrión si nos dedicou unhas palabras ao vivo, por vía telefónica.
Pola miña banda, acheguei uns textos dun novo libro de poemas, de cuxo título é mellor non lembrarse por iso de non provocar polémicas como a do González Garcés, que descrebe unha relación platónica operario-empresario. Ao facer a introdución, asaltoume a dúbida de se alguén esperaba a lectura dunha nova internacional, e polo tanto descoñezo se ficaron un chisco defraudados ao ver que se trataba de algo moito máis subtil. Porque ás veces téñense falado das críticas a autores e autoras por iso de non poñer os seus versos ao servizo da causa, pero, como todos e todas sabemos, a inspiración é a que é, e cando non se dá para máis cómpre non forzar a máquina en execeso. Con todo, quen pense que a inspiración é só ferramenta de traballo de poetas está grandemente errado. Lembro agora, tan só como exemplo, unha corrente política con grande inspiración, o chamado Sendero Luminoso, que nalgún momento máis que luminoso semellaba iluminado que se autoproclamaban de 'inspiración marxista-leninista-maoista pensamiento Gonzalo'. Non sei a vós, mais a min paréceme esa moita inspiración de dios nuestro señor.
Polo demais, é sempre un pracer deixarse acompañar de amigos e amigas como os que onte se deron cita no Pichel.

Comentários

Anônimo disse…
Obrigado, Alberte.
Para a próxima vez, a ver se nom neva.