andas á procura?

Búsqueda personalizada

sábado, novembro 29, 2008

poesía para ver/ler no Pichel


onte vimos e lemos poesía no Pichel, Baldo Ramos, Sechu Sende e máis eu. Xosé Constenla cantou temas con letra do Avilés de Taramancos ao carón da lareira. Finalmente, Igor e Estíbaliz non puideron asistir por mor do temporal de neve, mais o anfitrión si nos dedicou unhas palabras ao vivo, por vía telefónica.
Pola miña banda, acheguei uns textos dun novo libro de poemas, de cuxo título é mellor non lembrarse por iso de non provocar polémicas como a do González Garcés, que descrebe unha relación platónica operario-empresario. Ao facer a introdución, asaltoume a dúbida de se alguén esperaba a lectura dunha nova internacional, e polo tanto descoñezo se ficaron un chisco defraudados ao ver que se trataba de algo moito máis subtil. Porque ás veces téñense falado das críticas a autores e autoras por iso de non poñer os seus versos ao servizo da causa, pero, como todos e todas sabemos, a inspiración é a que é, e cando non se dá para máis cómpre non forzar a máquina en execeso. Con todo, quen pense que a inspiración é só ferramenta de traballo de poetas está grandemente errado. Lembro agora, tan só como exemplo, unha corrente política con grande inspiración, o chamado Sendero Luminoso, que nalgún momento máis que luminoso semellaba iluminado que se autoproclamaban de 'inspiración marxista-leninista-maoista pensamiento Gonzalo'. Non sei a vós, mais a min paréceme esa moita inspiración de dios nuestro señor.
Polo demais, é sempre un pracer deixarse acompañar de amigos e amigas como os que onte se deron cita no Pichel.

a desastroika

Volvo, tan só por un instante, sobre a situación no SLG. A conversión da organización 'nacionalista' nunha sorte de secta davidiana, mística pseudocristiana e indixenista recalcitrante, crea situacións esperténtica como esta.

No comments (como as imaxes tendenciosas do euronews)

terça-feira, novembro 25, 2008

Poesía para ler/ver no C.S. A Gentalha do Pichel


A obra de Igor Lugris, poesia para Ver/poesia para Ler, será exposta no C. S. Gentalha do Pichel, dende o 27 de novembro até o 27 de decembro. A sexta feira, 28 de novembro, farase a presentación, a partir das 20 h. contando coa presenza do propio Igor, de Sechu Sende, Baldo Ramos e máis eu recitando poemas e José Constenla aportando a súa música.

25 de novembro. Sen violencia

prendo cos beizos
a agonía
.
este mal que soubeches imprimir
cun golpe de man
certeiro
.
.
sábeme salgada
férrea
a identidade
.
encadeada
de morderme
sempre
para silenciar toda vontade
.
.
criches saber de min todo
construíches
para min
unha cela á túa medida
e saíches dela
deixándome dentro
para ofrecerme o teu minúsculo mundo
.
.
mais
............agora
MAIÚSCULA
teño voz propia
común a todas e a todos
que miramos alén
...........das propias fronteiras
e sobre elas
para recuperar a memoria
que une
que solda os lazos
que nos han facer fortes
contra as mans
túas
que temín sempre

segunda-feira, novembro 24, 2008

Porta verde e poetas vivos


O serán do sábado foi de poesía viva no Uf. Lectura de textos e música a cargo do Clube de Poetas Viv@s e da Porta Verde do Sétimo Andar. Un serán que se abríu a novos proxectos futuros. Veremos, logo, se somos quen de levalos a cabo.

terça-feira, novembro 18, 2008

Fanny + Alexander


Unha lista incríbel de poetas e narradores/as, como xa nos teñen afeitos, vai formar parte do novo disco de Fanny + Alexander. Fai xa algo máis dunha semana que me anunciaron a nova, magnífica. Un texto meu foi seleccionado para a creación dunha peza. Como non podía ser doutro xeito, ilusionado, agardo o resultado.

segunda-feira, novembro 17, 2008

The foggy dew



And the world did gaze, in deep amaze, at those fearless men, but few

Who bore the fight that freedom's light might shine through the foggy dew

Cómpre ser desa minoría que ve a luz entre o orballo.

UF Poesía


A porta verde do sétimo andar xunto co Clube dos Poetas Vivos no Pub UF (Rúa do Pracer, 19. Vigo) o sábado 22 a partires das 20 h.

domingo, novembro 16, 2008

Baile Àtha Cliath


















Onte foi a entrega de premios do III Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, que convoca a Asociación Caldeirón e o concello de Malpica. Nesta edición resultou gañadora a obra de Emma Pedreira Lombardía 'Os xoguetes póstumos', outorgándose un accésit a Paco Souto por 'Alentar a túa Rosa'. Así mesmo foron presentados os libros premiados na segunda edición, 'Baile Àtha Cliath' e 'Baixo o sol de Mesina', o segundo autoría de Lino Braxe.

'Baile Àtha Cliath', da miña autoría, leva ilustracións de Paco Souto, mentres que 'Baixo o sol de Mesina' vén acompañado de fotografías de Sol Rivas.

sexta-feira, novembro 14, 2008

A historia que non vou contar

esta semana, que finalmente remata, veu cargada de tensións, incluso de pequenos sustos, acompañados de carreiras que semellaban infinitas.
para quen falou nalgunha ocasión da miña épica do cotiá (expresión que non acuño, nin agardo facelo nunca. Non porque me disguste), nesas historias que dou en relatar, que escribo con sumo gusto, para eles e para quen considerou que esaxeraba nos meus relatos, vai unha historia tan real como permiten as circunstancias.
Sabemos que o traballo dá para moito, sobre todo en empresas con grande número de traballadores, cada un cunha historia persoal que roza o telefilme serie b de dramatización da realidade. Souben dun caso tan real que sería incapaz de facer un libro con el. Unha exprostituta inmigrante (disque) apoiada polos servizos sociais atopa un traballo, no que ten por xefe un excliente, que inmediatamente lle fai insinuacións. Proposicións das que ela renega nun principio. A soidade, a dureza de sobrevivir nun país estraño cun fillo, fana caer nunha forte depresión que a achega á relación proposta. Todo isto adornado cunha relación difícil cun exmozo, certas doses de racismo e unha clara vocación cara a dependencia.
De aquí até a presenza do 061 hai moito máis, do que nin eu mesmo estou certo de coñecer, nin de desexar coñecelo.

segunda-feira, novembro 10, 2008

Amor de Mantis

Até as relacións máis íntimas e coñecidas, vólvense en ocasións un xogo sexual salvaxe e perigoso. Antes de ir fregar a louza, lembreime hoxe da última, derradeira, relación sexual da Mantis macho. A femia, de maior tamaño, durante o coito, aférrase coa mandíbula á caluga do macho que, sobreexcitado por este mortal costume aceptado con resignación, reproduce nerviosos movementos espasmódicos que melloran a cópula. Morte por instinto. Posteriormente, o macho é decapitado para servir de alimento á femia insaciable.
Malia que a morte xoga un papel preponderante na reprodución desta especie, debemos deternos a pensar se neste sacrificio voluntario inflúe só á ansia de obter descendencia ou afecta, tamén, ese sumatorio de atracción química , instinto e imaxinación que damos en chamar amor.
Este podería ser, pode que definitivamente o sexa, un bo tema para o novo Fuckzine. Tan só unha preocupación me asalta. Que se malintreprete o tema que se plantexa, reducíndoo a unha pueril guerra de sexos. Polo que propoño que nos esquezamos dos sexos, do sexo, centrándonos nas distintas tipoloxías de relación posibles.

quarta-feira, novembro 05, 2008

Por fin chegou a colleita


Onte chegaba unha colleita longamente esperada. Presentábase na Casa da Cultura de Dodro o último premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, Código poético de Neves Soutelo. Acompañada por Helena Villar Janeiro e Olegario Sotelo Blanco, nun acto de brevidade fulminante, Neves convidounos a ler o seu primeiro libro e a ir tomar uns viños. Parabéns á autora.

segunda-feira, novembro 03, 2008

poesía sen poetas

descoñezo se alguén se preguntou nalgunha ocasión se existía algo neste mundo menos importante que a poesía. Despois de ler isto e isto, vexo que por baixo da poesía, nese escalafón onde se reflicten as cousas verdadeiramente importantes, como o fútbol ou as declaracións da raiña de Espaaaaña!!!, atópanse os/as poetas.
Cun libro na man pódese facer de todo, excepto lelo, por suposto. Dá para, quen quixer, poda facer unha presentación, unha deturpación, ou calquera outro -ción/zom/ção/tion/ione que se lle ocorra. Mais o/a poeta. O/A poeta é un coñazo!!!! Coas interpretacións xustas do que é sempre interpretable no texto, os seus discursos interminables, a súa cara de poeta, as opinións políticas indebidas... De feito, neste noso país (de todos e de todas nunca de Fenosa), está de moda presentar libros, como vemos, sen a presenza do autor. Benvidos á vangarda das letras.
Polo que me toca, podo prescindir do acto en si, do libro se me obrigan, mais agardo que a ninguén se lle ocorra prescindir de min nos conseguintes viños. Porque, mirade que me monto a festa por libre e e convido aos viños sen necesidade de libro nen presentación. Folga á xaponesa. Viños todo o día.

Arquivo do blog