obsesións


É ben sabido, por tod@s aquel@s que se souberon próximos que, mentres que para case todo uso o computador, para os poemas utilizo cadernos que, co tempo e unha vez esgotados, vou esquecendo polos andeis das distintas casas que habitei. Houbo quen me dixo que para que pasar o dobre traballo de escribilos en papel e no openoffice? Ben, pois a resposta está en que me gusta atopalos nos lugares máis insospeitados , despois de anos, e botarlle un ollo ao escrito. Nesas páxinas, ademais dos textos accesibles, ben na rede ou nas sucesivas publicacións, atópanse cousas que coido non figuran en ningures, máis. Eses escritos están cheos de obsesións, de figuras que creo para mostrarme e mostrar o mundo segundo a miña perspectiva. Nese sentido, naquel 2005 de cambios continuados escribía ao meu querido figurante:
temos no naufráxio do figurante/ as nosas propias sombras/ entre os barcos un decoro perdido/ un sorriso de ollos pechados/ e a lingua de fóra.
Nese mesmo ano, e para un recital na extinta librería Cervantes de Vigo, escribía sobre os recitadores:
Perdémonos no erotismo, na ciencia fricción poética de Cruz Martínez, na proletaria indecisión de Alfonso Láuzara, na pausada impasibilidade de Ramiro Vidal, na contaxiosa firmeza de Asun Árias e nun eu mesmo sen autocalificación....
Sen saber acertadas as miñas apreciacións, comezamos aquel acto para tod@s @s presentes.

Comentários