A Casa das Bombas


Preparando o acto do xoves, este que aínda non publicitei masivamente, fun a Ferrol a visitar, entre outras cousas, unha das referencias que fago no libro de poemas Ferrol e o que queda por chover, a Casa das Bombas. Como non podía ser doutra forma, fun até aló, O Roxal (Concello de Neda) coa miña nai, nativa e que me contou a historia que tan brevemente ofrezo neste o meu último libro de poemas. A Casa das Bombas foi o lugar no que a miña nai, na postguerra, residíu durante algún tempo. Un grupo de vivendas unidas e pertencentes ás Bombas, tres mulleres que, combinarban as labores propias do muíño (as vivendas son ademais un muiño, baixo o que pasa un rego desviado do Río Belelle) coa ocultación de escapados e milicianos. Foron dúcias de persoas as que buscaron acubillo nesta Casa, ben fuxindo da represión franquista, ben para organizar as bases da, chamémoslle, resistencia. A miña nai, como a nena que era naquel tempo, lembra como un xogo o paso daqueles homes. A xente que, sen ser máis que un refacho de luz entre as sombras, lanzaban pedras dende un buraquiño na fiestra da estancia onde se recluían mentres ela, xunto coas súas amigas, se bañaban no remanso do río. Era, tamén, a Casa das Bombas, onde as mozas dos escapados ían atoparse coa seus namorados, o que servía de escusa para realizar pequenas festas que facían máis livián a dura situación. Lembra tamén a miña nai, a roupa daqueles homes tendida nunha figueira próxima. Sobre todo a inxente cantidade de peugas que poboaban, como flores en primavera, a copa daquela árbore. Disto, malia non poder estar ela para rememoralo, agardo falar o xoves 23 na Galería Sargadelos de Ferrol, durante a presentación do libro.

Comentários

Unknown disse…
A que hora será a presentación? Gustaría de ir a ela.

Beijos
sobre as 20 h.