novas (?) ferramentas de edición


Veño de poñer a disposición de todo o mundo, unha primicia, o libro 'Ferrol e o que queda por chover' por medio da empresa virtual de autoedición, lulu.com.
Esta é unha empresa estadounidense que pretende servir aos autores/as dunha ferramenta áxil e veloz de autoedición, fornecendo dun programa editor de sinxela utilización, que permite maquetar un volume en diferentes formatos, dende un grampado a un pegado, pasando pola espiral.
Á miña experiencia, para min completamente novidosa, pódese acceder dende aquí, onde poderedes consultar as primeiras 10 páxinas.

Sen ter pasado nin apenas un día, xa vou comprobando os pros e os contras de tal iniciativa.
En primeiro lugar, á hora de comezar coa maquetación, cómpre ter moi clara a composición da obra e a súa estruturación, porque malia que a ferramenta de edición é sinxela, para realizar un traballo preciso é necesario ter certas nocións acerca do proceso. Por outra banda, temos a inmediatez no que se refire á posta a disposición do público o resultado da nosa maquetación. Poucos minutos despois de ter inserido o material, a aplicación informática xera un espazo de tenda, ou store, dende o que se pode comezar a promoción do libro. En canto á distribución, lulu.com, ofrece, maiormente de pago, un abano de servizos de propaganda e distribución, pensados para sistemas de mercados amplos, como o dos USA, o que para canles de distribución como a nosa, fica un pouco desfasado. En canto á adquisición, as persoas interesadas en comprar un exemplar, deberán dispoñer obligatoriamente dunha tarxeta de crédito, e non de calquera tipo, principalmente Visa e Master Card, o que nestas latitudes limita moito a accesibilidade ao produto. Outro xeito de pago virtual, é por medio de Paypal, o que non é tampouco unha ferramenta moi usual. Outro aspecto que resulta, ao meu modo de ver, pouco atractivo, é o feito de que a impresión, e polo tanto o envío, realízase nos Estados Unidos, o que aumenta moito o valor final da edición en papel, debido aos gastos de envío (no meu caso, a un valor inicial de 7 dólares, deberemos engadirlle uns gastos case do cento por cento, ascendendo a algo máis de 6 dólares. O que si resulta máis económico é o prezo por descarga online da obra.
Outro aspecto a valorar é que malia considerar que a empresa fai impresións en función da demanda, e polo tanto, está suxeita a traballar de forma discontinua e con baixo, inicialmente, volume de pedidos, o custe por exemplar non semella moi elevado, pero teño que agardar por un dos aspectos que aínda me queda por comprobar, a calidade da impresión, xa que aínda non dispoño dun exemplar físico.
Por todo isto, case que conclúo que esta pode ser unha iniciativa iniciática e de baixo custe para quen pretenda darse a coñecer con algunha obra impresa, mais non a considero unha ferramenta moi interesante para os amantes da boa edición e das exquisiteces do mercado.

Pero, con todo, debo dicir que paga moito a pena ler 'Ferrol e o que queda por chover', porque descrebe unha parte significativa da historia deste país concentrada nesa miña cidade natal.

Comentários

Unknown disse…
E ós que non gostamos de tarxetas nin de Paypal, que solución nos queda para ler o teu libro?

Vale convidar a cañas?


Beijos
eis un dos grandes inconvintes que ten este sistema.