Danos colaterais

Até o de agora, como traballador do Sindicato Labrego Galego, mantiven un case silenzo respetuoso dado que se trataba dunha organización vencellada ao país e xunto á que se podía desenvolver unha tarefa imprescindible para o desenvolvemento correcto dun dos principais sectores produtivos do país. Afrontei o meu traballo, malia as dificultades propias do posto, cun grande grao de ilusión e motivación cara o sacrificio. Afrontei as doce pagas de seiscentos euros, traballar até doce horas ao día e cobrar, salario e dietas, cando había capacidade para facelo. Pero o que nunca pensei que debería asumir, era o desprezo continuado polo traballo e, nalgúns casos, polas persoas que estabamos a colaborar no proxecto. Nunca pensei que debería enfrontarme aos enormes prexuizos dunha Executiva, inmersa nunha loita persoal cunha outra facción de antigos camaradas e que está a provocar, probablemente, a meirande crise que o SLG afrontou até o de agora. Liorta entre bandos, na que os traballadores e traballadoras represaliados non somos máis que danos colaterais.
Son os acontecementos dos últimos tempos, os que me obrigan a facer pública a miña crítica a un xeito de facer as cousas, dentro da organización, que vai rematar por desfacer unha estrutura con máis de trinta anos de historia.
Dende a constitución da actual Executiva, foron progresivamente eliminadas as xuntanzas de traballadores/as (asembleas de responsables de locais, e de macrozonas) co fin de limitar o contacto entre eles/as e dosificar a información da que dispoñen os locais; limitouse deste xeito, a información da que se dispón á hora de afrontar calquera tipo de campaña; limitouse a operatividade dos/as traballadores/as, impedíndolles a moitos/as deles/as saír dos locais ou tratar cos afiliadodos/as; deliberadamente, ocultáronse accións ou actividades aos traballadores/as das comarcas, habendo momentos nos que, liberados/as, debemos enterarnos das mesmas por afiliados ou mesmo mediante responsables doutros sindicatos, nomeadamente UUAA. Esta semana, e como culminación da campaña de acoso e derrivo cara determinadas persoas da estrutura da organización, ficou claro que se pretende facer, por parte da Executiva, un baleiro económico á comarca de Compostela, polo que, a estas alturas, aínda hai dous compañeiros que non cobraron o seu salario, e non sabemos como se vai afrontar tanto as dédedas xa históricas de dietas e salarios, nos próximos meses. Despois de ter solicitado a comezos de semana unha entrevista coa Secretria de Organización por medio do correo electrónico, aínda é hoxe o día que somos incapaces de contactar con ela.
Moitas foron as irregularidades que se teñen cometido dende esta organización agraria. Moitos os atentados contra o Estatuto dos Traballadores, e malia todo, mantivemos un mutismo sepulcral para manter a organización unida. Pero, hoxe é o día no que é posible que se comece a saber todo canto se fixo nesta organización durante todos estes anos. A responsabilidade última será para aqueles/as que non souperon ver que a vía do odio e a defensa do persoal beneficio, non pode ser considerada nunca como solución de problemas, nin servir para a ocultación dos mesmos.

Comentários

Unknown disse…
Non sei porque sempre suceden cousas así nas organizacións que se supoñen creadas para conquerir un ben común.

No mundo das ONGs sucede tres cuartos do mesmo.

É de coña.
Espero que todo vaia ben. E que a onda expansiva sirva para algo.

Unha aperta
Anônimo disse…
Sinto unha fonda tristeza vendo que co tempo a situación non só non mellorou senón que se cumpre o que ti anunciaras hai xa algún tempo.

Malia levar xa tres anos fóra do SLG e ter vivido en primeira persoa algunhas das situacións que mencionas (nalgunha ocasión temos falado disto), é tremendo comprobar que se chegou a un punto insostible que moito me temo vai rematar co proxecto que tanto custou erguer.

Mándoche unha aperta e o meu apoio. Un saúdo e adiante.

Martín (maraver_vigo@hotmail.com)