matar o heroe


Onte, como xornada de descanso, primeiro achegueime a Follas Novas a facer unha compra relaxante. Primeiro, esta nova entrega de Elvira e as súas PAlAbrAs BrAncAs, e seguindo un pouco desta Rinoceronte e Yasunari Kawabata, coa Casa das belas adormentadas. Despois, sumido no trance propio dos restos dunha gripe, deiteime no sofá a ver a segunda parte do Home Araña, o tal Spider-man. Xa hai algo máis de un ano, escribín un libro de poemas baixo o título de Manual, baseado en como matar ao heroe. Porque unha vez máis, secuela tras secuela, observamos a mensaxe de evitar os problemas estructurais da sociedade por medio dun ente superior, case divino, que vén botar un pouco de piche sobre as fochancas do sistema, para colocar a todos no seu lugar, inmóbiles, absortos na mensaxe cristiá de que non somos nada, e o noso paso pola existencia non é máis que un trance do que non podemos agardar senón ocupar o noso lugar, marcado polo destino. Deste xeito, o heroe covértese nunha figura absolutamente antirrevolucionaria. E benaventurados os pobres, porque eles herdarán o reino dos ceos. Xa imaxino os pobres galegos convertendo o ceo un minifundio, tras eternas liortas para facer as partillas. Pero o ceo está lonxe, e o actual, o agora, o a herdanza dos nosos fillos, debe ser por forza a miseria, a non ser que o heroe se fixe en nós, e como a lotería, nos cambie a vida coa forza da súa sobrenatural musculatura. Hoxe, xa recuperado, comezo con esa bela adormentada e fico inmerso no azoute das ondas na costa e un cheiro infantil impregnado nas sabas. Interesante Kawabata.

Comentários