andas á procura?

Búsqueda personalizada

segunda-feira, março 24, 2008

MySpace


Hasme atopar no MySpace

Estou a explorar estes novos espazos. Aínda non sei como vai a cousa, pero a ver se co tempo me vou facendo co fedello.

quarta-feira, março 19, 2008

Zeitgeist (Portuguese)

quinta-feira, março 13, 2008

Poema para @s máis nen@s


A Editora virtual da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que publica obras dos seus membros colgándoas de balde na rede, faise eco do meu libro de poemas 'Por unha palabra tan só. Poema para @s máis nen@s'. No que pretendo achegarme ao mundo d@s máis cativ@s, resaltando a importancia da lingua como instrumento de comunicación, e ferramenta para entender o mundo.

segunda-feira, março 10, 2008

unha outra traballadora fóra do SLG e un desprazado

Xa son tres as traballadoras que quedaron fóra do SLG, a última por finalización de contrato, substituída por unha outra compañeira, en principio, sen afinidades coa liña crítica. Por outra banda, un compañeiro do local de Lugo, foi 'convidado' a abandonar o seu posto, para ir atender o local do Rosal, no Baixo Miño. Con este traslado, oficialmente voluntario, preténdese minar a vontade de continuar traballando nesta organización 'sindical', das persoas que nalgún momento mostraron a súa oposición á liña oficialista.

quinta-feira, março 06, 2008

ParaNeoLiberalismo

cubainformacion.tv

o suicidio

traizoando aquela intención primeira de crear un espazo para a poesía, aínda que non só, comecei a introducir nisto das bitácoras, dun xeito extraordinariamente caótico, todo tipo de pensamentos extraliterarios, ou non.
Sirva de redención, hoxe que preferiría traer canda vós aquela canción dos Madness, The house of fun, este texto.

non son máis tinta
sobre o océano
nin alento
que erixir vida
ventada como arrouto infantil


dubido así de min
solipsista

en consecuencia
acompáñasme neste altericidio
pois somos
ese que canta á noite en silencio
mentres durmes
somos
sendo tan distintos
amor
que me posúes
ti
desta volta
quen me nutre



terça-feira, março 04, 2008

segunda-feira, março 03, 2008

descarga gratuíta

O Consello da Cultura, por medio do seu web culturagalega.org, dedican un espazo para falar da experiencia fallida de Rinoceronte Editora ao colocar os libros publicados no seu web, con descarga gratuíta.
Hai uns días, eu falaba do tema, apuntando tan só unha posible causa da crise de vendas no sector. Consideraba só o feito do custe dos libros, como motivo de recesión, pero ise non é máis que un síntoma dunha crise aínda maior. Deberiamos, se cadra, considerar o endebedamento dos fogares, e observar a problemática noutros sectores para concluír, que nos momentos máis conflitivos, economicamente falando, os primeiros en sufrir as consecuencias son os artigos culturais. O que nos levaría tamén a analizar o feito de que, posuír un idioma non normalizado, agudiza aínda máis os problemas do sector editorial. Ligado a isto, tamén atopamos a actual escala de prioridades da sociedade de consumo. Pola que unha familia pode considerar prescindible ter unha boa biblioteca na súa casa, mentres que entra dentro dos bens de consumo indispensables un televisor de plasma e cen canles para o zapping. O que nos leva ás actuais políticas culturais, que nos desprazan cara un sistema de elites oficiais, quedando marxinado todo canto se sitúa fóra das súas fronteiras, e desprezando a interacción da sociedade co eido cultural.
Seguro que se poderían incluir máis factores, á hora de avaliar a problemática do sector editorial, pero sempre considerando o problema na súa globalidade e non fraccionándoo como único e exclusivo dun eido particular.

da traballadora do SLG despedida

Como acontecera no caso da primeira traballadora do Deza represaliada, neste recoñécese o despedimento improcedente, pero non sen antes comunicarlle que os motivos do cese foron non ter cumprido coas súas obrigas. En comunicado interno, destinados a traballadores e traballadoras en activo, a compañeira apunta unha das cuestións importantes á hora de cumprir ou non coas obrigas que establece o SLG.
Por unha parte, o feito de que grande parte da xente que integra o SLG, non traballa oficialmente para o Sindicato, senón que o fai por medio de organizacións e 'empresas' ligadas dalgunha maneira. As atribucións finais de cada traballador, rara vez son aquelas polas que foi contratado e as condicións laboraris e salariais, en moi poucas ocasións se axustan a convenio. Nesta situación, en calquera momento a executiva do SLG pode considerar que un non cumpre coas súas obrigas, xa que en ningún lugar aparecen reflectidas, e máis neste momento, no que a información que chega aos distintos locais, chega tan filtrada e carente de contido, que nin a propia dirección é quen de proporcionar claramente a postura do SLG nos diferentes temas.
Por outra banda, a compañeira apunta a necesidade de satisfacer os requirimentos da afiliación dun xeito continuo e eficaz, xa que doutro xeito, os integrantes do sindicato veranse na obriga de buscar solución aos seus problemas noutras organizacións agrarias.
Dende logo, como conclusión final, nunca quedara tan patente como agora, como a procura incesante da hexemonía política, pode deixar indefensas ás bases dunha organización social.
A loita política do SLG contra a Consellería de Medio Rural, fai que a primeira desatenda cuestións capitais como a defensa do contrato homologado entre explotacións de leite e industrias, centrando o debate e a aplicación da forza, onde sabe que pode facer dano, como é o Contrato de Explotación Sustentable, así como naqueles aspectos, como son o dos tres mil euros de axuda ás pequenas explotacións, que inciden na dependencia aos subsidios de todo o rural.

Arquivo do blog