andas á procura?

Búsqueda personalizada

sexta-feira, dezembro 28, 2007

Stormy weather


Ía dicir cando novo, pasando por alto que son aínda todo un rapaz. Pero, para ser máis exacto, direi na miña adolescencia, a comezos dos anos noventa, para saír, preparaba recopilatorios de música, naquelas xa obsoletas casettes, para poñer nos sitios que adoitaba frecuentar. Aquel xa famoso Tres portas, no ferrolán barrio de Esteiro, agardaba pola miña música para amenizar a tarde, se cadra algunha festa de aniversario, que nos levaba, a un compañeiro máis a min, a colocar unha caixa de cervexas, daqueles pouco estilizados tercios, debaixo dunha mesa, para pasar o serán bebendo e deleitándonos coa selección musical. Pasaban as horas, as botellas íanse acumulando sobre a mesa, como se acumulaba a choiva polas rúas, naquelas noites de inverno.
Agora, agardando pola choiva, e facendo un daqueles recopilatorios para o meu, non novo, teléfono con mp3, recollo unha peza, mil veces versionada, o Stormy Weather, desta volta por Sindey Bechet.



quinta-feira, dezembro 27, 2007

desexo, perigo


Atraído polas interpretacións de Tony Leung en 'In the mood for love' e '2046', asistín curioso a este novo filme de Ang Lee, 'Desexo, perigo'. Fiel ao estilo poético do cinema chinés, non defrauda a emotividade que se desprende de cada escena. Un ritmo pausado, vai marcando máis o transcorrer da historia, nun agarimoso abano de sensacións. Mais, a influencia estado unidense, escaralla o que podería ter sido un fermoso relato de ficción histórica. Unha ausencia, case completa, de contextualización sociopolítica, evidencia un medo extremo a facer unha película que se sitúe fóra do gusto dos USA, o que produz un filme centrado en exceso nunha das historias de amor imposible que se repiten no manido cinema ianqui. Malia isto, resulta ser moi recomendable. Máis, se temos en conta o que nos deixan, no que a cinema se refire, estas datas festivas.

domingo, dezembro 16, 2007

acceso restrinxido


O Nadal non deixa de ser un momento no que o consumo convírtese nun dos maiores alicientes para saír á rúa. Normalmente, non me deixo levar polos instintos máis elementais do capitalismo, pero, onte foi a tarde adicada a comprar os detalles que agallasarei aos meus sobriños.
Unha recua de turistas, recibiume ao entrar no casco vello, parados nos escaparates das tendas, como hipnotizados polas luces rechamantes. Mais, de súpeto, unha sorpresa. Os pais que tiveran a estúpida idea de compar aos seus fillos unha mini-gaita, deberán deixar aos nenos fóra, ou desistir no intento de acceder a este establecemento.
Na miña opinión, rúas enteiras, que digo rúas, cidades enteiras, deberían locer este distintivo. Porque, está ben que ninguén ensina a ser pai, tampouco ninguén ensina a pensar por un mesmo, pero, até o momento, coido que un ruído molesto é identificable por todos e todas por igual.

sexta-feira, dezembro 14, 2007

a estela de Qu Yuan



O 'Cinquenta Xiaoling' Zhang Kejiu (Campo das letras. 1998) comeza cunha introducción na que se di: 'Reinando na China apenas durante um século, os Yuan criaram no entanto uma época de esplendor artístico e literário, marcada pelo qu, vocablo que engloba o teatro e a poesía cantados.' E pregúntome se de aí virá a expresión cantar como o cu, ou cantar co cu? De ser así, dicir, por exemplo, que escribo como o cu, abandona a súa connotación pexorativa, o que resulta ser dun positivismo moi recalcitrante. Claro que de estarmos errados, sempre podemos acodir a Confucio: 'Quando o dao (o caminho) não é ajustado, somos livres para tomar um barco e viajar no alto mar', facendo clara referencia a escapar ben lonxe por medo ás represalias dos que non gosten do noso traballo.

Mais pouco ten que ver todo isto cos textos de Zhang Kejiu, malia os risos propios da ignorancia. Fico encantado coas descricións, coa sinxeleza da beleza feminina, escritas por este chinés prea de alcol.


quinta-feira, dezembro 06, 2007

sen palabras



maiormente, gustaríame non ter que falar, escribir vén sendo outra cousa, para comunicar todo canto considero que teño por dicir.

basta, neste caso, ollar para o rostro de Sean Penn, un dos mellores actores do cinema ianqui, e imaxinar todo canto pode estar dicindo, acomodando as súas palabras á nosa experiencia persoal, malia que saibamos que se trate dunha campaña feita para acompañar a folga dos guionistas de Hoollywood, e non só desta cidade.

quarta-feira, dezembro 05, 2007

como escravos mesmamente

Desgraciadamente, o 'alento' mantense de actualidade, agora que, despois de anos de explotación, vólvese sobre o tema da situación laboral das caixeiras de supermercado.
Son de todos e todas coñecidas as presións que os/as traballadores/as soportan nos seus postos de traballo, en canto xurde unha denuncia fronte manifestas irregularidades laborais. As empresas, teñen como ferramenta de sometemento a amiaza, sabéndose amparadas pola desesperación fronte ás dificultades que cada traballador/a sufre no ámbito do persoal.

Un dos grandes problemas engadidos, é a asunción desas prácticas abusivas como normalidade dentro do ámbito laboral, trascendendo a entornos non estrictamente empresarias, o que dificulta a erradicación desas dinámicas, obstaculizando cuestións importantes como a organización de traballadores/as.
Lónxe da romántica visión máis literaria, gustaríame confiar nese alento que proceda das mans das propias musas, e que as conduza á consecución dunhas condicións de traballo máis xustas.

segunda-feira, dezembro 03, 2007

Multinacionais e a normalización lingüística


Como consumidores temos ferramentas, ás veces insospeitadas, para incidir na vulnerabilidade das multinacionais, en pequenos aspectos da vida cotiá.
Despois de moitos minutos perdidos colgado ao teléfono, escoitando a música de espera da centraliña da miña compañía de telefonía móbil, conseguín que me prometeran que, a partires da próxima factura, todas as comunicacións a min dirixidas, serán redactadas en lingua galega. Para citar as palabras exactas do interlocutor 'sus facturas vendrán impregnadas de la lengua gallega'.
Despois de varios anos de loita, solicitando periodicamente, o meu dereito a recibir as súas comunicacións na miña lingua, despois de que preguntaran se prefería recibilas, no canto de en español, en catalán, e despois de asegurarlles que ía pedir o traslado a outra compañía, conseguín unha promesa firme. Agardarei con impaciencia a súa materialización.