serán do sábado, noite de teatro


Ultimamente estase a falar moito de teatro. Dende o meu máis absoluto descoñecemento, quedeime cunha frase de Jaureguizar, 'e disque o Igaem ten claro que música enche locais en todo o país, mentres que o teatral é un fenómeno caro e para público santiago-naronés', que me fixo lembrar os meus tempos en Ferrol, no que o teatro, en Narón, era unha cita case inexcusable. Si, eu era dos moitos que pagabamos menos que por unha entrada de cinema para acceder á sala do pequeno teatro vilán. Descoñezo se en Narón se conxugában unha serie de forzas descoñecidas, para que houbese unha afluencia masiva, aqueles seráns de sábado, naquel frío lugar. Digo frío, porque á noitiña, unha brétema meste cubría o entorno e facía desapacible permanecer fóra dun lugar cuberto. Se cadra, era por iso que a xente acodía ao teatro. O caso é que aló iamos todos e todas, como nun ritual, a desfrutar daquelas engaiolantes historias. O que eu, a estas alturas, me pregunto é se en lugares como Narón a tempada de teatro ten vida propia, como é que no resto do país, semella non existir devoción por esta arte? Pregunta inocente de máis, se cadra, para agardar resposta, pero nunha comarca na que o concerto de Bustamante, polas festas locais, non contou coa asistencia masiva que se agardaba, o teatro galego, si consegue cheos absolutos.

Comentários

tangaranho disse…
Pois será questom de tradiçons ou de vai tu saber o quê. Em Oleiros também desde há tempo há teatro todos os fins de semana, teatro dos ciclos da Deputaçom, mas olha, teatro made in Galiza a fim de contas. Vai bastante gente, suponho que porque se foi fazendo tradiçom, a gente sabe que o há, e esta oferta vai fidelizando um público. Suponho que é umha prova também de que se ofereces cousas diferentes, acaba havendo quem o agradeça.
Lúa disse…
eu na Coruña, e inda que son de ben preto de Ferrol, nunca tiven a sorte de ver ise do que falas, mágoa...