comprar libros

Hai algún tempo, falando con algunha xente, preguntábanme por que teimaba en comprar todos os libros que quería ler, xa que existen bibliotecas e, ademais, maiormente os libros lense unha vez e despois fican esquecidos nun andel? Ben, naquel momento, tan só acertei a dicir que me gustaba reler partes dos libros que compraba, que xustamente compraba determinados libros, porque era e son consciente de que xustamentente eses non van ser esquecidos nun andel. A cuestión é que non merco todo canto sae, tento mercar só canto me gusta e sei que me gustará en tempo ilimitado, polo que o feito de adquirir o libro, vaime permitir acceder a aquelas partes do mesmo que me resultan máis inspiradoras. Para o resto, certamente están as bibliotecas. Tamén é certo que non compro todo canto me gustaría. Por unha parte porque o meu salario é limitado, moi limitado e por outra, sempre ligada á primeira das razóns expostas, porque teño o vicio de comer.

Na defensa desta miña tese de adquisición de libros, aparece unha recomendación de Ducon, sore un libro de Slavoj Žižek, O espectro segue a roldar. Comprado ao pouco de saír, permanecía aparcado nun andel, sempre agardando unha relectura. Como libro complicado, as relecturas máis que un simple pracer, son unha necesidade.
Unha vez lin o comentario de Ducon, fun inmediatamente ao andel, na procura do volume e comecei a reler, escollendo páxinas ao chou e enganchándome, axiña, ao desenvolvemento da idea. Deste xeito, fixen os meus porpios paralelismos, achegando as ideas de Žižek á miña realidade máis inmediata. Así, aló onde el falaba da idea de Marx das diferencias que crea o Capitalismo entre o valor de uso e o valor de cambio, eu establecín as diferencias entre o valor real e o especulativo, facendo referencia ao prezo da vivenda en compra-venda, idea que me rolda pola cabeza dende hai unhas semanas. O valor de cambio, ou o especulativo no meu caso, resulta ser, asegundo tamén o razonamento de Slavoj, irreal, xa que non segue as pautas que marcan as necesidades da poboación, e medra a expensas das mesmas. Tamén seguindo o razoamento do libro, esta diferencia entre os valores de uso e de cambio, reproducen crises cada vez maiores, sempre internas e inherentes ao propio capitalismo, pero do que este último é que de sacar beneficio. A costa, tamén se segundo o meu criterio, dos mesmos pobres que son incapaces de satisfacer as súas necesidades máis básicas.

Comentários