O ollo de Giordano Segneri

buscando na rede por eses vellos amigos inesquecibles, atopei o ollo de Giordano Segneri, nada polo momento de Pierpaolo Piras, Gianluca Montuoro, Luciano Martella ou Marta Moro, pero sei que andan por aí a facer cousas interesantes, porque tiñan a capacidade e a vontade para facelas. O último que souben de Giordano, por exemplo, era que andaba por Gabón, cunha campaña de prevención do SIDA. De Pierpaolo pouco souben dende que marchou para Panamá contratado polo Banco Mundial. Sei que Luciano volveu a Chieti, malia andar á procura de traballo en Valencia, por mor dunha moza da que quedara prendado. De Gianluca pouco sei, tan só o pouco que contaba nunha mensaxe no 2001, atopándome eu en Moscova, na que me felicitaba a Pascua. E de Marta, quen sabe? Faláranme que estaba en Roma facendo os coros para grupos nunha discográfica, pero nin iso é seguro.
Acontece coa xente coa que levo tempo sen falar, que son tantas cousas as que podería dicir que remato, finalmente, por non dicir nada. Aquel@s que me coñecen saben que son máis ben pouco falador e que nunca atopo as palabras axeitadas cando coincido con algún coñecido, preferindo, ás veces, perderme entre a multitude para non procurar unha situación incómoda cos meus silencios.
Algún día collerei o teléfono para chamar a todas aquelas persoas ás que, nalgún momento da miña vida, debín falar e, por calquera razón absurda (moi propia de min), non falei. Un día chamarei a tod@s @s meus amig@s, cos que fun perdendo contacto co tempo, por ese meu medo absurdo co reencontro e a separación conseguinte, e direilles todo canto desexei dicirlles nestes anos de distanciamento.
Preparádevos, fareino. Logo fuxirei da conta de teléfono a un lugar onde non haxa bancos, nin teléfonos, por suposto.

Comentários