televisión galega e outros males

Onte foi tarde de reparacións no fogar, polo que fiquei moito tempo mirando como outra persoa, un profesional, miraba de amañar os pequenos deterioros que o tempo vai producindo nos diferentes elementos que compoñen unha vivenda común. Foi tempo tamén de ver a programación da canle autonómica. Observando a grella televisiva, un coida, por unha parte, terse desprazado á discoteca do barrio máis próximo, hábitat natural de personaxes da caste dos Tonechos, co seu sempiterno combinado alcólico, a súa mirada perdida nuns ollos semipechados, as pernas parcialmente flexionadas e un movemento corporal rítmico como se tivesen unha ansia permanente por ir mexar. Por outra parte, percíbese a visión de futuro da que dispón a dirección da canle televisiva, dada a súa absoluta especialización na terceira idade, cunha grella inzada de programas lordentos como o do Piñeiro, do que el mesmo semella avergoñarse.

Doutra banda, temos que, a case completa ausencia de cinema galego (por ser este un tema polémico, debo dicir que considero cinema galego todo aquel feito no idioma de Galiza. Por tanto, ‘El lápiz del carpintero’, malia estar baseado nun libro galego e resultar un filme ben feito e do que gostei, é cinema español. Así como ‘Dead and the Maiden’ de Roman Polanski, malia ser rodada en Valdoviño, pertence ao cinema británico) pode resultar un limitante á hora de idear unha programación vinculada á cultura do país. Pero, o que nunca debemos facer é adoptar outras experiencias cinematográficas como propias, ou correremos os risco de que, dentro de dez anos, os nosos fillos teñan por galego ilustre a Chuck Norris, ao que, de continuar o antigo goberno, para daquela xa se lle tería outorgada a Medalla Castelao. Neste sentido, a desaparición de El Fari, foi un evidente mal para el e a súa familia, pero un ben para os espectadores da única canle 'galega', xa que co ritmo que se levaba era o próximo candidato a levar o galardón senlleiro da in-cultura oficial.

Comentários