fuxir

aproveitando as rebaixas achegueime á galería sargadelos para fuxir, e fíxeno. Había tanto tempo que non me paraba diante dun andel, devagar, sen as presas propias de quen xa ten claro o que vai comprar, porque polo estrés do cotiá, maximiza o tempo traendo sabido da casa o que quere. Había tanto tempo, que xa non lembraba o que era escoitar o ruxeruxe das dependentas, en correcto español, paradigma do autoodio galego. Fuxín tamén do establecemento porque precisaba un retrete, pero parei no Literarios para tomar un algo. Malia o que se poida pensar, tampouco usei o escusado desta cafetería, parecíame pouco propio cagarme nos literarios.

Definitivamente, coido que iso das rebaixas non vai comigo, porque realmente fai que me rebaixe até límites insospeitados.

Hoxe foi o primeiro día do meu horario de vran, polo que só traballo ás mañás. As tardes nubradas fanme considerar o feito de que o inverno resístese a marchar, e iso non me disgusta de todo. Ao fin, tentei corrixir un texto que prematuramente presentei a unha editora. Fervíame nas mans. Finalmente, rematei limpando a cociña. Aspireina, pero primeiro cambiei a bolsa da aspiradora, estaba demasiado chea, logo lavei a louza, e pasei a tomar as armas contra a encimeira. A placa de inducción ten restos dos anteriores inquilinos, non hai quen llos saque, ademais estou farto do cheiro do produto que utilizo para limpala.

Agardarei a que rematen as rebaixas para comprar o que preciso? Por min agardaría eternamente. O caso é se agardarei eternamente para fuxir, ou para fuxirmos? Non fai falla que respondas agora, pensao. Porque, como comentaba o compañeiro Dacal o outro día, despois da presentación do noso 'alento', parafraseando a Boris Izaguirre: 'Compostela é a cidade que nunca madura'. Non é que fuxa para procurar non madurar con ela, pero tampouco quero ficar feito o rapaz inconsciente que fuxe do botellón por timidez e renuncia á diversión por exceso de comodidade. O caso é que tampouco sei o que quero, e iso faime procurar continuamente a porta de saída e fuxir.


Comentários

indianshawls disse…
nice blog
indianshawls disse…
nice blog
Anônimo disse…
nin me gustan as dependentas de Sargadelos nin o que están a facer con Isaac os novos "donos". e, cagarse no literarios, é unha boa opción, incluso se é por fóra mellor, inda que sempre tería que limpalo un pobre camareiro sen culpa... inda lembro os euros que me deben do finiquito esa familia de tacaños fillos d...