Em tránsito


Facía moito que non estaba en tránsito, que non ía dun lado para outro, na miña faceta máis urbanita. Pero, onte foi o día para o número dous da Colección Literal da Difusora de Letras, Artes e Ideas, Em Tránsito, de Raquel Miragaia. Introducinme primeiro nun proceso, do máis puro estilo kafkiano, en A pé, para logo ir vendo á cidade fluír (que había dicir o mesmísimo Heráclito) nun continuo ir e vir de persoas, maiormente frustradas, en ocasións vítimas, pero coido que dispostas a atopar o seu propio camiño.
Este libro magnífico, lembroume a miña necesidade de fluír. Hai dous anos, ao virme traballar para Compostela, pensara dun xeito coido que racional, á hora de avaliar os custes e os ingresos, en buscar vivenda o máis próxima do traballo prosible, con iso aforraba o ter que desprazar o carro pola cidade, cousa que odio (agora vivo a escasos douscentos metros do meu centro de traballo, distancia que percorro sen apenas tropezarme con ninguén). Pero, co tempo, fun notando un baleiro, que incidía no tedio da propia rotina. Botaba en falta fluír dinamicamente pola cidade, interaccionando cos seus habitantes. Algo que sempre conseguira, polo menos até o momento de virme para esta cidade, desprazándome no transporte público.
Veu logo, Raquel, a transitarme pola conciencia, que me reconcome, obrigándome a retomar os meus antigos paseos, nos que buscaba recoñecer a cidade e descubrirme a min mesmo en cada curruncho escuro, no sufrimento de cada un dos seus habitantes. Mirarei, xa que logo, de cumprir a encomenda.

Comentários

Anônimo disse…
Que alegria ver-me postada por aí!! Que prestem os passeios e os tránsitos.
Raquel