andas á procura?

Búsqueda personalizada

quarta-feira, maio 02, 2007

a terapéutica impertinencia

hoxe podo dicir que aprendín unha palabra nova, o que resulta ser tan fermoso como inconfesable. Unha persoa culta non pode recoñecer que aínda ten a capacidade de aprender algo.
Como nunca me recoñecín como unha persoa versada, estou en franco desacordo coa opinión que Eyré deita sobre o meu último libro. Por unha parte, acerta dicindo que, no énfase de conservar a linguaxe poética, esquézome de definir mellor os personaxes, pero erra cando afirma que os diálogos resultan artificiais, sobreentendéndose a cultura do autor.
Nunha sociedade na que, até aqueles con menos desa 'cultura' que Eyré lle nega aos personaxes do meu libro, falan como escoitan na televisión, non é raro escoitar a un ionqui da compostelana praza de Cervantes, falando como o inmortal Mariñas. Tal é a influencia da linguaxe televisiva. Non sendo raro, xa, descubrir como un deses ionquis aos que antes facía referencia, que na súa infinda inocencia, increpa a un policía local, na Praza da Quintana: oyes, tengo derecho a estar aquí, vivimos en una democracia. Si, ese termo carente de significación do que abusaba a dereita hai algúns anos, para levar á socialdemocracia ao seu campo de xogo. Esa mesma democracia da que fai gala o mesmísimo Iñaki Gabilondo, nos seus informativos, que abandonaron o rigor xornalístico para imitar os casposos artigos de opinión dun Francisco Umbral amargado pola súa propia acidez. Pois as opinións partidistas nos medios de comunicación son de culto, quedando inesgotables mostrarios de sórdida hiperrealidade a disposición de todos e todas nós.
Pero é, ao fin, esa mesma hiperreliadade a que marca a pauta do políticamente correcto, xogando eu, doutra volta, a mostrar as obviedades ao mundo, con máis cinismo que graza, nun deses días nos que o sorriso resulta ser case unha obriga que acepto con agrado.
Agora é cando debería dicir: un saúdo para Eyré, e unha aperta. Un outro, con agarimo, para Mariñas, e un terceiro para Iñaki. Vou obviar voluntariamente a Francisco Umbral.
No fondo Eyré non se equivocaba, e todo isto foi unha desculpa para delimitar as liñas dunha sorte de 'monólogo' que pensei mentres lavaba a louza na cociña, coas mans cheas da mestura entre aceite e lavavaixelas. Todo soaba mellor cun prato esvarando entre as mans.

Um comentário:

Anônimo disse...

Francisco Umbral, gran escritor