mirando para outro lado

hoxe día de mobilización contra a especulación urbanística, onte día da ruta dos candidatos polo Barbanza. Unha constante tan só, o feismo.
As distintas consignas electorais que parecían facer referencia á consumación urbanística. O PSOE tíañao claro, mirar para adiante, xa que ás beiras da estrada campa victoriosa a desfeita, aínda que máis semella que mirar miraron, pero para outro lado. O BNG, facía gala dunha enchenta socialdemócrata, pensada para ti, case como na defensa dun libre albedrío, negación da moral cristiá. O PP, presumindo da súa incompetencia, sentenciaba que cumprimos. E cumprir, o que é cumprir, cumpriron, querían un país feito unha merda e conseguírono, posiblemente chegaron moito máis aló do que pensaran nun principio.
As campañas electorais son sempre un espazo aberto para o discurso baleiro e a demagoxia, pero subrepticiamente deixase caer un pouso que marca a liña a seguir por cada agrupación. Iso será, xa que logo, o que deberemos pescudar entre esas breves liñas ao carón da foto dalgún candidato.
Non quixera dar a entender, coas miñas palabras, esa máxima derrotista que fixo tanto mal ao transcorrer normal das citas electorais, malia sabendo que non deixan de ser unha farsa propia da democracia totalitaria ou democracia burguesa na que nos atopamos. A máxima que aseguraba que todos os partidos políticos son iguais e que, polo tanto, dá igual un que outro. Eu estou convencido de que non todos os partidos son iguais. Do que si estou convencido, é de que a dereita lanzou un órdago e gañou a partida, pero o xogo segue malia que a 'esquerda' estea bastante tocada coa chamada á democracia e á tolerancia que propuxo a dereita máis reaccionaria para achegar posturas, cara o seu bando, claro.
Haberá que construír, dende a base, un espazo para o rexurdimento (II).

Comentários