nunha imaxe

sen pensar, se hoxe me preguntasen que é para min a esquerda deste país, diría, nun segundo e sen respirar, un güevo colgando i el otro lo mismo. Se puidese facer o que na imaxe, coido que todo sería diferente, pero teño que permanecer calado porque o mundo ríxese por unha orde particular do silencio, na que todos temos un lugar que ocupar, mostrando unha falsa dignidade no rostro e postrados perante a politicamente correcta lei da apariencia.
Con ganas fuxiría agora mesmo, para non marchar lonxe, tan só distanciarme un chisco, para poder ollar dende outra perspectiva, se cadra cun ollo pechado e o outro aberto, ou cos dous pechados e os oídos dirixidos cara o meu obxectivo, se cadra cun dedo acusador amplificando o son, para que chegue a min máis nidio e sen interferencias.
Se cadra todo podería ser diferente, e agora podería estar contando porque dous güevos penden por igual da esquerda galega, do resto da esquerda arestora non quero ocuparme, pero aquí estou, despois de visitar o Centro Social Henriqueta Outeiro para facer a doazón do meu último libro para a súa biblioteca, pero estaba pechado e na páxina web non teñen un horario, tampouco na porta do chigre, e fodeume, porque non puiden dicirlle á señora que ollaba para min, desconfiada, por que buscaba a porta dun lugar que estaba pechado, e por que, malia facer bo día, permanecía cabreado diante dunha porta metálica, porque dous güevos penden da esquerda que xa non é tal esquerda, ou cada día o é menos, e eu permanezo calado diante do mac os 10.9 agardando a que me veña a inspiración, ou outra cousa, antes de ir cear o prato de estofado que sobrou do xantar e que agora sae do microondas, quente, como me gusta, malia que non teña pan para acompañalo.

Comentários