mortes e demais desgracias


o feito de que Gaioso, involuntariamente, matase ao Fary no Luar, deu pé a unha fonda e sincera reflexión. Se ben, resulta indubidable que a eternidade é pouco para a mestría da farádula de saldo que abarrota as noites do venres na TVG, tamén é certo que pouco a pouco vannos ir deixando todas esas estrelas do acerbo máis rancio da España cañí. E entón, que será do espazo máis lúdico da grella televisiva galega? Como podemos pensar que o folclorismo autóctono vai encher esas horas de fastosa e rancia abundancia? Con que ánimo, colleremos o mando a distancia no serán do venres, coa certeza absoluta de que non nos deleitará Boney M co seu, xa mítico, 'Rasputín'?
Debemos, por forza, recoñecer o punto de inflexión que suporá, para toda a cultura galega, o antes e o despois desta amálgama de artisteo vario que nos leva acompañando durante décadas. Setirémonos desposuídos, desprotexidos, coido que o mesmo Gaioso non voltará ser o mesmo, illado desa fonte inesgotable de símbolos da colonización galega, dese nexo indiscutible da Galiza máis profunda coa España franquista. E onde quedaremos nós, ese resto que viamos en Gaioso o espello do Señor Don Fraga Iribarne, rondando o século de vida, e aínda dándoo todo para que os galegos e galegas non nos esquezamos de onde residen os nosos máis íntimos sentimentos de terra e patria?
A consternación, por tanto, resulta evidente e así, como galegos e galegas, debemos manifestalo...

;-)

Comentários