andas á procura?

Búsqueda personalizada

segunda-feira, abril 30, 2007

demasiado e tan pouco

o venres foi un día demasiado longo, reunión á mañá e á tarde. Contrastou co resto da fin de semana, que pasou como o raio. Malia todo servíu para a reflexión e para que cobrase senso este texto, que escribín hai un par de meses.

somos tanto un
como formas suspendidas
e firmes
sobre o rostro abraiado
do mundo

agora imos xuntos
como noutrora

un tempo
de memoria viva

via láctea.mp3


Música de Alberto Augusto Miranda

domingo, abril 22, 2007

autobombo

así como creadores/as deberiamos comezar, e de xeito colectivo, a mostrar masivamente o noso traballo, pola vía do achegamento ao público, cousa complexa, malia que xa exista iniciativas oficiais. O resto de sectores deberáin facer iso mesmo, e explícome: esta fin de semana estiven en Monforte, na escola de capacitación agraria, asistinto a unhas xornadas sobre o viño, organizadas polo SLG (agora que, finalmente, tamén me vou ocupar, en parte, deste sector). Aló falamos sobre a situación actual do sector en Galiza e, como non poderías ser doutra forma, no mundo. Malia a situación preocupante dos galegos, un compañeiro e produtor navarro ilustrounos sobre prezos e dinámicas, aló pola súa terra, e comprendimos que o noso 'atraso' (remarco as comillas) axudáranos, por unha parte, para manter as nosas variedades autóctonase pola outra para retrasar a entrada de dinámicas nas que, se ben algunhas bodegas con máis capacidade están entrando, aínda queda unha masa importante de produtores e colleiteiros que buscan sacar ao mercado un produto de calidade e diferenciado. No caso navarro, a masiva implantación de variedades como o Cabernet sauvignon, Merlot, etc, fixenron que estas zonas tivese que entrar en competencia directa co 90% das zonas de rpoduci;on vitinícola do munto enteiro: Chile, Argentina, Sudáfrica, Australia, Franza, Alemaña, USA. Iso é meterse nunha guerra que, de seguro, non poden gañar. Nós, pola contra, aínda temos a capacidade de producir cousas que até o momento ninguén máis pode, temos a posibilidade de producir, e producimos, evitando esas técnicas de uniformazación dos caldos, como son a utilización de levaduras comerciais. As potencialidades dos viños galegos, das que xa estamos a ter mostras moi representativas, permítennos competir con calquera viño de fóra. Cal é o problema entón? Un galego, saíndo a tomar u viño prefire o lixo que chega das grandes distribuidoras de La Rioja, e non un bo mencía. Cando, as marcas máis populares entre os consumidores/as galegos/as de viños que veñen de fóra, son pouco menos que intragables. Mentres que, e por un prezo non moi superior, podemos degustar un viño galego que está a competir nos mellores certames de viños no extranxeiro.
Non deixa de ser curioso que, para moitas viñotecas de, por exemplo, Compostela, lles sexa máis sinxelo traerse un Cabernet australiano que un Monterrei. E iso é tamén, porque os/as consumidores/as galegos/as non temos nin a máis mínima idea do que estamos a beber, nin ao que, realmente podemos acceder, dentro das nosas fronteiras. Mentres non sexamos quen de demandar a calidade galega, non seremos quen de recuperar un dos grandes valores da nosa terra, o sector agrícola en xeral e o vitivinícola en particular.

quinta-feira, abril 19, 2007

mortes e demais desgracias


o feito de que Gaioso, involuntariamente, matase ao Fary no Luar, deu pé a unha fonda e sincera reflexión. Se ben, resulta indubidable que a eternidade é pouco para a mestría da farádula de saldo que abarrota as noites do venres na TVG, tamén é certo que pouco a pouco vannos ir deixando todas esas estrelas do acerbo máis rancio da España cañí. E entón, que será do espazo máis lúdico da grella televisiva galega? Como podemos pensar que o folclorismo autóctono vai encher esas horas de fastosa e rancia abundancia? Con que ánimo, colleremos o mando a distancia no serán do venres, coa certeza absoluta de que non nos deleitará Boney M co seu, xa mítico, 'Rasputín'?
Debemos, por forza, recoñecer o punto de inflexión que suporá, para toda a cultura galega, o antes e o despois desta amálgama de artisteo vario que nos leva acompañando durante décadas. Setirémonos desposuídos, desprotexidos, coido que o mesmo Gaioso non voltará ser o mesmo, illado desa fonte inesgotable de símbolos da colonización galega, dese nexo indiscutible da Galiza máis profunda coa España franquista. E onde quedaremos nós, ese resto que viamos en Gaioso o espello do Señor Don Fraga Iribarne, rondando o século de vida, e aínda dándoo todo para que os galegos e galegas non nos esquezamos de onde residen os nosos máis íntimos sentimentos de terra e patria?
A consternación, por tanto, resulta evidente e así, como galegos e galegas, debemos manifestalo...

;-)

domingo, abril 15, 2007

outras imaxes

Afortunadamente, teño outras imaxes moi diferentes ás de onte, tamén porque hai orellas detras de cada curruncho escuro, agardando un descoido calquera para conducir un dedo acusador contra min.

Mostrar estas imaxes, tamén me permite mostrarvos as miñas fotos. Xa facía que non me botaba a sacar fotos. Era algo que tiña abandonado e que pensaba en recuperar nalgún momento. O motivo polo que dera en deixar a un lado o tema da fotografía, foran os altos custes que supón a fotografía analóxica, e en ausencia dun bo aparello dixital, funme dedicando a outras cousas, máis económicas.
Esta imaxe é da viaxe do setembro pasado a Estrasburgo, sacada coa miña compacta dixital, un día que saímos de excursión por un tramo dos 400 km de carril bici que circulan por toda a vila.

Desta maneira iamos o meu irmán e máis eu polas rúas de Estrasburgo, el coa súa montura habitual, eu coa miña algugada para tal efecto.




Malia todo, en canto teño nas miñas mans unha cámara un chisco mellor, saco fotos, entre outras cousas, do meu sobriño Airas. Desta volta enfadado pola chegada da miña afillada Mencía que, acabada de nacer, xa supuña. para el, unha amiaza.




Agora, despois de algo máis dun mes, xa está moito máis tranquilo o pequerrecho.









e despois desta sesión ¨pastelada¨, coido que o vou ir deixando. Continuarei coa miña restrospectiva, en fotos, pola miña historia máis recente.

sábado, abril 14, 2007

nunha imaxe

sen pensar, se hoxe me preguntasen que é para min a esquerda deste país, diría, nun segundo e sen respirar, un güevo colgando i el otro lo mismo. Se puidese facer o que na imaxe, coido que todo sería diferente, pero teño que permanecer calado porque o mundo ríxese por unha orde particular do silencio, na que todos temos un lugar que ocupar, mostrando unha falsa dignidade no rostro e postrados perante a politicamente correcta lei da apariencia.

Con ganas fuxiría agora mesmo, para non marchar lonxe, tan só distanciarme un chisco, para poder ollar dende outra perspectiva, se cadra cun ollo pechado e o outro aberto, ou cos dous pechados e os oídos dirixidos cara o meu obxectivo, se cadra cun dedo acusador amplificando o son, para que chegue a min máis nidio e sen interferencias.
Se cadra todo podería ser diferente, e agora podería estar contando porque dous güevos penden por igual da esquerda galega, do resto da esquerda arestora non quero ocuparme, pero aquí estou, despois de visitar o Centro Social Henriqueta Outeiro para facer a doazón do meu último libro para a súa biblioteca, pero estaba pechado e na páxina web non teñen un horario, tampouco na porta do chigre, e fodeume, porque non puiden dicirlle á señora que ollaba para min, desconfiada, por que buscaba a porta dun lugar que estaba pechado, e por que, malia facer bo día, permanecía cabreado diante dunha porta metálica, porque dous güevos penden da esquerda que xa non é tal esquerda, ou cada día o é menos, e eu permanezo calado diante do mac os 10.9 agardando a que me veña a inspiración, ou outra cousa, antes de ir cear o prato de estofado que sobrou do xantar e que agora sae do microondas, quente, como me gusta, malia que non teña pan para acompañalo.

sexta-feira, abril 13, 2007

presentación en Ourense

Onte tivemos un serán case que familiar na livraria Torga. Aló estivemos a presentar 'o alento da musa' e a contar uns contos, nunha improvisada mesa redonda.
Agradoume ver de novo a Alfonso e dispor de un minuto para irmos tomar unha cervexa con calma.
Semella que están os ánimos a punto para saír de xira co próximo libro d'a porta verde do sétimo andar.

terça-feira, abril 10, 2007

presentación de 'O alento da musa' en Ourense




'O alento da musa'
volve ser actualidade. Desta volta estaremos Xavier Paz, o editor, e máis eu na Livraria Torga (Rúa da Paz) en Ourense. Será ás 20:00 h deste xoves, día 12 de abril.








quarta-feira, abril 04, 2007

simplemente ferias


semana santa?











semana santa!







á marxe das comparacións de humor fácil, podemos considerar estes dous días como un reconstituínte despois das longas xornadas de traballo. Reivindico así, estes días soltos de lecer que temos durante o ano, xa que, persoalmente, axúdanme a relaxarme moito máis que un mes enteiro sen pisar a oficina.
de todas as formas, son curiosas as celebración qu estes cristianos teñen por todo o mundo. Están tolos estes cristianos!

segunda-feira, abril 02, 2007

'O alento da musa' na Radio Galega

A primeira hora desta mesma mañá, acodín ás instalacións da crtvg, en Bando, para gravar os fragmentos d'o alento da musa que se han emitir no Diario Cultural da Radio Galega, durante toda esta semana. Polo tanto, todos/as aqueles/as que teñades interese en saber, polo menos, de que vai este meu segundo libro, poderedes escoitar un pouquiño do todo que garda este alento mareiro.

Arquivo do blog