O alento da musa

E finalmente rematou o Nadal. Finalmente, tamén, dende aquel 2004 ocioso xusto antes de marchar para Inglaterra e Irlanda, sairá, coido que a finais deste mes, ‘O alento da musa’, o meu segundo libro de narrativa. Desta volta cun só relato máis longo, pero cunha sorpresa engadida, da que saberedes así que teñades o libro nas mans. A Difusora das Letras, Artes e Ideas foi a encargada do traballo de edición cun resultado, coido, moi interesante e diferente. Isto último referente ao seu traballo. Polo que respecta ao meu, queda claro que vai resultar un proxecto moi momán, para o bo e para o malo, cunha historia moi sinxela sobre persoas comúns, das que atopamos todos os días na fila do bus ou agardando a cita no ambulatorio. Ambientada en Vigo, lugar onde residía cando a escribín, como dixen, aló polo 2004, fala da soidade e da procura dun algo máis que sirva de motivación para continuar o camiño, sempre con certo paralelismo co que foi Vigo, por aquel entón, para min.
Este foi un dos proxectos históricos que quedaron estacionados, por moito tempo, na memoria do ordenador, superando o ataque de varios virus. O outro proxecto, ‘Un agora que non quer saír’, é un poemario do que tampouco me din desfeito ate o de agora, e que aínda descoñezo se aguantará a próxima invasión alieníxena que chegue ao meu ordenador.
Con todo, estou contento por anticipado, e agardo con impaciencia a saída de ‘O alento da musa’ (Difusora das Letras Artes e Ideas. Xaneiro 2007).

Comentários

Anônimo disse…
parabéns, meu rei,despois de tanto pelexar pra editalo...
esperamos telo axiña entre as mans,por exemplo...

O GATOCÁN
Anônimo disse…
Noraboa!

Agardamos por el

O 21
mariademallou disse…
ei! parabéns, vou mirar de facerme cun alento, que me fai boa falla unha musa ;)