andas á procura?

Búsqueda personalizada

terça-feira, outubro 31, 2006

Este Ferrín éche o demo! E agora veño eu a botar leña sobre o lume dun comentario absurdo e descontextualizado, como se tivera que defender ás Comisións Labregas ou como se o futuro destas, ou o meu propio, estivese no que eu poda dicir hoxe aquí.
Paseando polas Brétemas virtuais din cun artigo de Fíos Invisibles sobre a visita de Ferrín á diáspora de Uruguai. Nesta entrevista, entre outras moitas cousas, fixo mención a unha supostas declaracións das devanditas Comisións falando nos seguintes termos: “As imposicións económicas da Unión Europea (UE) implican que a gandería galega estea na ruína, que o agro estea realmente espoboándose, pero non de persoas senón espoboándose de vacas. E iso foi porque o mercado común tivo e ten a ben protexer o leite francés e holandés e limitar o noso coas cuotas que hai que pagar. Así se chega a que as organizacións de esquedas que se chaman Comisións Labregas cheguen a pedir o liberalismo: «Agora queremos ser liberais, queremos producir todo o leite que queramos e venderllo a quen queiramos sen limites», din”. Sen pretender dubidar da memoria histórica deste home, case que, en nome do rigor, deixar claros unha serie de aspectos relativos a este tema: a entrada do estado Español na UE, e a asunción por este do sistema de cuotas, colleu a Galiza nun proceso de crecemento no sector leiteiro, cunha grande cantidade de explotacións agrarias, pero cunha moi baixa produción; mentres que países como Francia, que xa tiñan consolidado o sector, atopábanse cos problemas típicos do intensivismo, obrigando, nalgúns casos, a reducir considerablemente os kilos producidos. As cuotas chegaron a Galiza limitando a súa capacidade produtiva e cumpría crear un movemento que permitise a Galiza producir en base ao seu potencial, sen limitarse ao que a cuota a ela outorgada lle permitía. A partires de aí, mentres a política do Estado Francés foi de facilitar capacidade produtiva, a aquelas explotacións que a precisasen, a moi baixo prezo e ligada a terra, no Estado Español optouse pola especulación coa cuota, nunha dinámica de ir concentrado a produción en, cada vez, menos explotacións pero de maior número de animais (non así de SAU). A cuota en Galiza, convertíuse nun limitante á produción e que fomentaba o intensivismo. Na actualidade, na dinámica de aumentar a produción con independencia da superficie de terreo de cada explotación, coas explotacións con enormes débedas e a inestabilidade dos prezos, fai que a cuota sexa un grande problema dentro do sector.
Ben, en todo isto, cal foi a postura das antigas Comisións Labregas, dende o comezo unha oposición clara á instauración da cuota láctea, non porque fose un problema en si mesma, senón porque xa se albiscaba que traería un problema de sobreendebedamento das explotacións e porque limitaba o potencial produtivo do país, ademais de cuestionar a viabilidade das pequenas explotacións, que eran e son maioritarias neste país. Por outra banda, viuse consolidando o feito de que as empresas leiteiras, mediante negociacións entre elas, impedisen que as explotacións puidesen decidir a quen vender o leite, o que produciu en moitos casos, prácticas abusivas por parte das empresas ao ter suxeito ao gandeiro/a ás súas condicións. Para impedir estas prácticas das empresas sobre as explotacións, o Sindicato Labrego Galego buscou solucións a este tipo de pactos entre empresas.
E para rematar, consciente de que non está todo dito, cal é o modelo que defende o Sindicato Labrego Galego, segundo o que eu entendo? Un modelo de produción en base a terra, baseado en pequenas e medianas explotacións que repoboen o noso agro e produzan, no canto de pensando na cantidade, nunha calidade capaz de crear un valor engadido en si mesma, ademais de, evidentemente, producir todos os derivados lácteos en Galiza e con independencia das grandes multinacionais. Este modelo reduce produción e polo tanto a necesidade imperiosa de control sobre a mesma.
Encadrando neste meu discurso, algo máis elaborado que o de Ferrín, as, e repito, descontextualizadas declaracións deste home que de tan incendiario, resulta simplista e de escaso rigor.

sexta-feira, outubro 27, 2006

camiñar por Compostela


'Dubido da inocencia do eufemismo'

isto escribino cunha maquiniña desas que teñen un teclado e unha pantalliña, onde se poden escribir unha chea de cousas, para logo imprimilo nun papel autocolante. Pasei unha chea de tempo tentanto escoller un tipo de letra que fose axeitado para saír co papeliño a pasear polo casco vello de Compostela. Disto xa fai, cando menos, un par de semanas, pero se cadra aínda está adherido á superficie onde o deixei.

a cuestión é que estaba a traballar nuns versos, que todos xuntos han formar un poemario, baixo o título de 'cando a música remata', e pensei en ir deixando pegadas desta nova iniciativa, pero a cousa quedou tan só niso, unha única nota perdida nunha morea de rúas. ben, coido que foi perto da Sala Yago.


quinta-feira, outubro 26, 2006

E aquí estou de volta, facendo de tripas un corazón escatolóxico. Recréome mirando os asuntos sen resolver que estendo desorganizadamente pola mesa, para velos todos sen esquecerme de ningún. Son asuntos urxentes, pero dos que agardo algunha documentación que ha chegar por correo ordinario ou da man dalgunha parte interesada, e que ate entón esperan con impaciencia o momento no que serán presentados perante a administración correspondente e definitivamente arquivados. Entre eles, o seguro dun tractor que me ameaza, dende a miña dereita, coas cores alternas do timbre dunha correduría; a inapelable revisión de facenda, que me acosa pola esquerda; os seguros do gando, que tantos problemas están causando. Aínda por riba, fáltame o driver da impresora que xace inerte ao meu carón, unha Minolta PagePro 8L, que se nega a funcionar correctamente se non lle instalo o seu programa preferido.
De cando en vez, ollo de esguello a tarxeta que me deu onte o director da Urbana 5 da Caixa e lembro a miña entrevista, con el solemne do outro lado da mesa e eu,moito menos insigne, coa barba de dúas semanas, olleiras ate os pés e os incómodos tenis, que levo só cando, coa choiva, mollo os zapatos. Díxenlle que tiña a firme intención de publicar un libro e miroume sorrindo, como pensando este pobrecito no encuentra quien le publique sus libros. Logo marchei, como non podía ser doutro xeito.

terça-feira, outubro 24, 2006

Filo-Café na Galiza - 2006

FILO-CAFÉ EM ROIS

Este ano, o filo-café na Galiza realizar-se-á em Rois (muito perto de Padrón, terra de Rosalia) no café Palmeras (frente à Casa do Concelho) no dia18 de novembro 2006, 21h

Para a efectivação da inscrição - através de incomunidade@yahoo.com.ar - enviar nome, lugar de proveniência e área de intervenção e contacto telefónico.

O Tema deste ano é:
Presenças, essências, ausências
Coordena: Lois Gil Magariños

As inscrições - gratuitas - abrangem a área do pensamento, audiovisual, poesía, performance, teatro, música, arte correio.

Este Filo-Café é organizado pela Incomunidade e pela Corporacion Semiotica Galega.

Qualquer dúvida:
Portugal: Alberto Augusto Miranda: (00351) 965817337
incomunidade@yahoo.com.ar
Galiza: Lois Gil Magariños: (0034) 981 80 41 00; (0034) 605 83 84 84
contacto@cosega.org

quinta-feira, outubro 19, 2006

efecto iguana

a segunda capítulo do 'Efecto Iguana', a miña novela por entregas, no suplemento cultural dA Peneira, Kalaikia.

www.apeneira.com/kalaikia


Kalaikia tamén estrea bitácora

terça-feira, outubro 17, 2006

comestas tamén as pedras da memoria
.
onde
miña naiciña

gardamos as figuras retóricas
que xa non queda lume na lareira


Sempre dixen que a memoria era unha cousa fodida. Hoxe mesmo, repasando hemerotecas de diferentes xornais, descubrín declaracións contradictorias en relevantes persoeiros da vida pública deste país. Isto levoume a facer unha pequena aposta comigo mesmo para ver se recentes declaracións feitas por organizacións agrarias do mesmo país ao que me refería antes, serán motivo de certa rectificación no futuro, sen repercusións algunha, claro, xa que ao verquer todo tipo de infundias e aseveracións un conta con que, co paso do tempo, o grande público dea ao esquecemento a liña seguida no pasado máis recente. Famosa fora aquela do señor Aznar na que, ao comezo da gerra en Irak (desta última, claro), aseguraba que tiña informacións que falaban de non sei que armas de destrucción masiva, para, co tempo, aseverar, coa mesma firmeza coa que asegurara nun principio a existencia destas, que el nunca dixera que tiña indicios claros, etc, etc...
pois co tema da compra-venda de quota láctea venvos pasar unha cousa, non igual por suposto, pero si cun trasfondo de certa imprecisión tendenciosa. É sabido que a compra de quota láctea pasou a ser controlada polo Estado, cousa que debeu ser así dende o comezo desta. Logo todas aquelas persoas que compraron quota por compra a particulares a prezos elevadísimos por mor da especulación conseguinte ao descontrol da compra-venda, agora buscan maneiras de saltarse esa novísima regulamentación mediante a formación de sociedades. Ben, o que eu digo é, por que eses que acusan á administración pública de poñer certos impedimentos a esas sociedades (que certamente son unha demanda de certos sectores da poboación), non explican publicamente as consecuencias fiscais, por exemplo, que pode conlevar a realización desas sociedades. Se cadra, porque resulta ser unha medida populista reinvidicar certas irregularidades asumidas por unha porcentaxe importante da poboación, malia que co tempo haxa que cambiar o discurso ou, sinxelamente, agochalo.






segunda-feira, outubro 16, 2006

Jack Kerouac

Sabedes, cando era rapaz en Oregón non me sentía norteamericano en absoluto, con todos eses ideais de casa nas aforas e represión sexual e esa tremenda censura gris da prensa de canto son valores humanos, e cando descubrín o budismo de súpeto sentín que vivira outra vida anterior facía moito tempo e agora debido a faltas e pecados desa vida degradáraseme a un tipo de existencia máis penoso e o meu karma era nacer en Norteamérica, onde ninguén se divirte e nin cre en nada, e menos que nada na liberdade.
.
‘Os vagabundos do Dharma’. Jack Kerouac

quarta-feira, outubro 11, 2006

...

quarta-feira, outubro 04, 2006

Dende que, aló polo ano 1985, o señor Georgie Dann sacara El chiringuito, famosa por ser a canción do vran daquel ano, foron moitos outros chiringuitos os que proliferaron, á marxe daqueles establecementos a pé de praia que incumprían e incumpren de maneira flagrante a lei de costas, senón, e neste caso, de xeito paralelo á política de privatizacións de servizos públicos que vén propugnando a Unión Europea.
Directamente vencellados co eido rural, a UE destina para distintas ‘organizacións’ pretendidamente galegas arredor de tres millóns de euros, só para cuestións relacionadas coa formación. Instrución da que, por outra banda, é difícil coñecer os criterios de selección do alumnado, a realización real dos cursos, a finalidade dos mesmos e a conseguinte validez legal da formación. O que afecta, en definitiva, á transparencia do proceso.
E isto, mentres a Administración Pública, que é a que fai a formación reglada e con validez legal, ve mermada a súa capacidade para levar a cabo proxectos, no eido rural no que nos estabamos a circunscribir, como a incorporación de mozos e mozas na actividade agraria, plans de mellora e modernización de explotacións agrarias, etc, en favor dos famosos chiringuitos, que dispoñen dun montante para realizar as súas actividades, que, sen pretender dubidar das súas intencións, introdúcense no eido rural con criterios dispares e, maiormente, contraditorios co resto de organizacións e organismos públicos. Deste xeito, e tan só a modo de exemplo, temos a nada desdeñable cantidade de setecentos cincuenta mil euros recibidos, do Fondo Social Europeo, por ASEFOGA e a Fundación Biodiversidad para realizar formación, e ate media ducia de asociacións máis que, en ámbito territorial galego, reciben en suma ate tres millóns de euros neste concepto.

Arquivo do blog