As imaxes esperpénticas das últimas semanas, que denotaban a incapacidade e o oportunismo da reacción do Partido Popular perante aos sucesos do pasado mes de agosto, mostrando a un Feijoo vestido de domingo presto a brandir unha mangueira de xardín contra un lume provocado, transportáronme anos atrás, en plena campaña electoral italiana, onde Berlusconi accedeu ao poder como primeiro ministro da República aló, se non erro, polo ano 2000. Naquel entón eu asistía ás performances de Giorgio Straccivarius no perugino Pub Kandinsky, este ex-membro do Partito Radikale de Perugia, logo asimilado por Rifondazione Comunista. Naquelas noites de domingo, o Kandisnky, era o único lugar onde se podía escapar da propaganda perfectamente estudada e dirixida do futuro primeiro ministro. Propaganda que cambiaba segundo os barrios. Así, ao entrares en Roma pola autoestrada, na saída cara os barrios daqueles máis podentes, líase a mensaxe tranquilizadora de ‘máis seguridade para as nosas rúas’, mentres que fronte a Via della Pallota, o meu barrio perugino onde se localizaban familias modestas e traballadoras xunto con inmigrantes e estudantes coma min sen moitos recursos, a mensaxe era máis clara il presidente operaio (o presidente operario). Era claro que, máis aló do absurdo da sentenza, o señor Berlusconi ríase dos traballadores e traballadoras da república italiana, como nestas semanas ríronse de nós aqueles que van apagar o lume enarborando fumegantes cigarros, agardo que non Habanos, tan só para saír nunha foto tan propagandística como ridícula.
Comentários
Moitos italianos vían a un Berlusconi forte, mediático e emprendedor fronte a un Prodi sen carisma, capaz de aburrir ás ovellas, por iso a elección estivo tan rifada. Non te engano, eu tamén prefiro a Prodi, que é un tipo menos demagogo e máis serio, mas entendo perfectamente o que pasou pola cabeza dos italianos que botaron por Berlusconi. Un saúdo.
Con todo, coido que non cómpre traducir os resultados, sempre pola vía da fachada exterior dos candidatos, que queda moi ben con fastosas campañas personalistas, senón naquelo que permanece nun segundo plano.
as campañas mediáticas non son máis que un método para desviar a atención, os apoios están á sombra.